A PAC investirá no rural galego 190 millóns de euros entre 33 mil beneficiarios

Angeles Vazquez - PAC

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, no marco da Política Agraria Común (PAC).

A titular deste departamento da Xunta, Ángeles Vázquez, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, presentou esta mañá, en rolda de prensa, os detalles desta convocatoria.

A conselleira explicou que con esta orde dáse o primeiro paso para a campaña de axudas da PAC en Galicia 2016-2017, que suporán un investimento de fondos europeos no rural galego próximo aos 190 millóns de euros, que chegarán a máis de 33.000 beneficiarios. Estas achegas proceden dos pagamentos directos da PAC (Fondo Europeo de Garantía, FEAGA) e das medidas agroambientais de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).

Ángeles Vázquez sinalou que malia ser unha orde cunha tramitación complexa e terse modificado a normativa básica recentemente, publícase o primeiro día do prazo previsto na lexislación estatal reguladora, sendo Galicia unha das poucas Comunidades Autónomas que cumprirán dita previsión.

TRAMITACIÓN ELECTRÓNICA

A titular de Medio Rural indicou que a orde da PAC 2016 segue a ser pioneira no ámbito da redución das cargas burocráticas e no eido da tramitación electrónica, xa que o 100% das solicitudes se tramitarán de forma electrónica, malia ter máis de 33.000 beneficiarios. O prazo de solicitude esténdese ata o 30 de abril.
Segundo dixo Ángeles Vázquez, en Galicia os solicitantes non terán que declarar o NIF do propietario das parcelas. Isto é posible porque a nosa Comunidade ten implementado un sistema que permite aos propietarios indicar que parcelas non poden ser solicitadas ao non estar arrendadas, evitando así a súa utilización fraudulenta.

A conselleira afirmou tamén, en relación coas superficies de interese ecolóxico (SIE) para o chamado “pago verde” (greening), é dicir, barbeitos ou cultivos fixadores de nitróxeno, que non haberá que telas obrigatoriamente no verán e poderanse sementar no outono declarándoas como cultivo secundario. Con isto evítase, por exemplo, ter que deixar de cultivar superficie de millo para deixala a barbeito. Ademais, a solicitude de Galicia atendendo as peticións do sector, o trevo incluíuse no Real Decreto como SIE.

No que se refire ás achegas do PDR de Galicia 2014-2020 que se inclúen nesta orde, a titular de Medio Rural salientou, en primeiro lugar, que se convocan de novo as axudas de Agroambiente e clima e de Agricultura ecolóxica atendendo ao elevado interese que amosou o sector o ano pasado por estas axudas.

Ademais, Ángeles Vázquez avanzou que se convocan por primeira vez as novas axudas para zonas con limitacións naturais (montaña e distintas de montaña) que veñen substituír as anteriores indemnizacións compensatorias. En relación con estas achegas, a conselleira destacou que no hai carga gandeira máxima que as condicione, o cal permitirá acceder a elas a moitas explotacións que antes non podían, por ter unha carga gandeira superior a 2 UGM/ha, especialmente do sector lácteo.

A maiores, a titular de Medio Rural salientou que estas axudas terán un destacado importe por hectárea e que contarán cun orzamento de 20 millóns de euros, fronte os 11,1 millóns dos últimos anos, é dicir, un incremento do 80%. Así, estas axudas son un exemplo da aposta do Goberno Galego para fomentar o pastoreo, a gandería extensiva e para protexer as zonas desfavorecidas.
Por outra banda, a conselleira sinalou que a campaña 2015-2016 da PAC aínda está en marcha, dado que estas tempadas (no relativo ao primeiro piar, de pagamentos directos) comezan o seu prazo ordinario de pagos o día 1 de decembro de cada ano e rematan o 30 de xuño do ano seguinte. E neste sentido, indicou que Galicia segue por riba da media estatal en canto aos pagos realizados.

A nosa Comunidade foi pioneira neste exercicio no aboamento da axuda extraordinaria para a mellora da liquidez do sector lácteo, estratéxica para Galicia, e ten previsto concluír o pagamento do groso das axudas do primeiro piar uns dous meses antes do vencemento do prazo fixado pola normativa comunitaria.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar