Complétase o equipamento de Protección Civil na provincia da Coruña

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo, entregou hoxe no complexo administrativo de San Caetano un total de 7 vehículos todo terreos pick up e 7 remolques con material con material de emerxencias destinados a 14 Agrupacións de Protección Civil da provincia da Coruña, rematando así a segunda rolda de entrega de material, que xa se levou a cabo nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra -fai dous días- e completándoa hoxe en Santiago.

Desta volta, foron beneficiarios os concellos de A Laracha,, Laxe, Malpica de Bergantiños, Padrón, Ponteceso, Pontedeume e Val do Dubra, que recibiron todos terreos; e os concellos de Boiro, Muxía, As Pontes de García Rodríguez, Bergondo, Carballo, Melide, Rianxo, que recibiron os remolques destinados ás emerxencias, que contan con electrobombas mergullables, motobombas para augas residuais e xerador de electricidade portátil de gasolina.

 

MELLORA DE MEDIOS

Este equipamento forma parte dun ambicioso plan de mellora dos medios materiais que permitirá mellorar a eficacia das actuacións na prevención de riscos e nas intervencións nas emerxencias. Nos últimos meses estase levando a cabo unha distribución de material extraordinaria, que permite aos Voluntarios de Protección Civil estar mellor preparados que nunca.

Así, en total cunha inversión de preto de 4,5 millóns de euros o goberno galego entregou a 166 concellos da nosa comunidade un total de 64 todoterreos pick up, 51 remolques de Emerxencias, 41 furgóns de transporte e loxística, 18 embarcacións pneumáticas, 33 esparexedores de sal e 20 carpas presurizadas con remolque. Tanto Xunta coma concellos recoñecen a importante labor que levan a cabo cabo cada día os voluntarios de Protección Civil, polo que e de relevante importancia que estes profesionais conten cos mellores medios e traballen nas mellores condicións.