Fungos e bacterias

Pousaron a man dunha nena de seis anos nunha placa de cultivo e, nun par de días de incubación da pegada, xa se observaba o crecemento de importantes colonias de fungos e unha grande diversidade de colonias de bacterias en distintas formas, tonalidades e cores. Apalpábase e víase con claridade a evidencia da conveniencia de lavar con frecuencia as mans, que están sucias máis veces das que parece.

A fotografía da pegada da man da nena na placa de Petri, presentada co título Qué esconde a man dun neno?, foi a gañadora do primeiro premio do certame de fotografía científica Fotciencia, convocado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

A foto da sucidade é extraordinariamente vistosa e limpa, pero tamén é un indicador de que cómpre lavar as mans despois de todo. Os seus autores, o profesor Raúl Rivas González e a investigadora Lorena Celador Lera, son, ambos os dous, da Universidade de Salamanca. Son divulgadores da ciencia e, o mesmo que os que promo-
ven este certame, queren ache-
gala á cidadanía, cunha visión artística e estética. Queren que se saiba e se vexa que a pel non é aséptica, senón que nela proliferan diversos xéneros de bacterias.

Queren que os nenos vexan nas súas propias carnes a importancia do coidado e da hixiene para evitar enfermidades, para erradicar do corpo a calquera microbio e conservar ben a saúde. A Tía Manuela ben que o
dicía: os bos hábitos, amigos rapa-ces, veñen de atrás, adquírense de nenos, na escola, na casa, lendo e xogando. E, cando chegamos a vellos, que pasa? Pois, segundo o autor de Madame Bovary, Gustave Flaubert, «os pequenos hábitos convértense en grandes tiranías».

Aínda así, de vellos tamén hai que lavarse. Falando de costumes, de ciencia, bacterias e fotografía, que deberían facer os políticos para que a pegada das súas accións non ensucien o camiño polo que debe andar a sociedade enteira?, para que desa pegada quede unha foto limpa? Os científicos da politoloxía aportarán, a bo seguro, ideas que lle axudarán á Fecyt e ao CSIC a adaptar as bases do concurso. Nese caso, quen gañe o vindeiro ano poida que sexa outra vez da área de parasitoloxía.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar