Sen ningún resentimento

Estaba enfadado e ela, enfadada. E, non sabían a razón pola que tanto se enfurruñaran. Déronlle voltas e voltas ao misterio e acabaron pensando na retirada, sabendo que unha retirada a tempo é unha vitoria. Logo, ao retiraren cadanseu enfado, eran dúas vitorias. Dúas vitorias de dúas persoas amigas, unha enorme vitoria, en definitiva, como se competisen contra o mundo e gañasen. Elas saben que é conveniente e saudable que as emocións non se expresen a través do resentimento.

Pero, por que a xente se enfada?, por que te incomodas, amiga?, por que? Non se sabe, nin se poderá saber, pero ao enfadarse, a adrenalina dispara os marcadores e, como se fervese no corpo, nos corpos dos irritados e nos dos que os soportan ou os sofren, fai das súas, aumenta o ritmo cardíaco, contrae os vasos sanguíneos e provoca a elevación da presión arterial. Pola súa parte, un estudo elaborado por un equipo da Universidade de Harvard, e dirixido pola profesora Patricia Eng, di que os “homes que exteriorizan moderadamente o asañamento e o seu cabreo teñen a metade de risco de sufrir un infarto de miocardio e un perigo considerablemente inferior de padecer ictus que aqueles que o exteriorizan en menor medida”.

Un grupo de enfadados pode ocasionarlle problemas serios a quen manda, mellor dito, a quen goberna. Os científicos din que, diante dunha acción gobernamental, a ira une máis que calquera outra emoción ao grupo de cidadáns que non a comparten. Así, aparecen líderes que utilizan o enfado, a rabia, o cabreo e a furia como ferramenta estratéxica para situarse ao lado dos que fan explícita a súa desconformidade.

Nesta última campaña electoral, viuse moi ben. Os xefes da maioría dos partidos non dialogaban nin debatían cos adversarios. Cada un deles mostrábase anoxado con tódolos outros e os máis respondían sempre enfadados, sen entrar nunca en razóns e sen abrir vías para un posible e necesario diálogo construtivo. Como diría a Tía Manuela, queren facer `politicamente correcto´ o inadecuado, desapropiado e inxusto. Para a boa saúde política e para que as institucións anden ben, parece necesario que os que teñen a honra de dirixir as naves partidarias, prescindan tamén, nas súas resolucións, do resentimento.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar