Susana Seivane e Federico Pérez, hoxe, no «Land Rober Tunai Show»

Land rover

As risas e o humor chegan esta noite á Televisión de Galicia da man de Roberto Vilar e os seus no late show máis exitoso da televisión da nosa comunidade. Esta noite ás 22.00 horas, o “Land Rober Tunai Show” recibirá a visita de Susana Seivane, unha das artistas galegas con máis proxección a nivel internacional. Con ela gozarán das risas e do humor do programa e tamén, o equipo do programa, ten gardadas para ela varias sorpresas.

O segundo convidado desta noite é o afamado e coñecido actor Federico Pérez. O comediante vén ao programa para participar en varios “sketchs” e tamén amosará a súa cara máis persoal e descoñecida nunha conversa con Roberto Vilar.

A estes dous convidados sumaránselle os colaboradores habituais do programa coas risas e os enredos. Os habituais Xosé A. Touriñán, Eva Iglesias e o propio Roberto Vilar veranse envoltos en chispeantes e tolas historias que van dende un resort, un encontro coa mafia e ata unha simulación do sorteo de Nadal con João Simões.

Como sempre, Roberto Vilar e o seu equipo garantirán as risas e a diversión esta noite na TVG.

 

RETRANSMISIÓN

 

A Televisión de Galcia prepara para hoxe unha retransmisión especial con motivo da Translación dos Restos do Apóstolo na Catedral de Santiago de Compostela. A canle pública galega despregará todos os seus medios para que, cara ás 11.30 horas, o xornalista Fernando Madriñán conecte cos fogares galegos dende a Catedral.

Está previsto que a esa hora o cabido reciba na porta da Acibechería o arcebispo, Julián Barrio e o acompañe facendo unha breve parada no altar maior. Ao mesmo tempo, sairán do Pazo de Raxoi as autoridades políticas que asistirán ao evento relixioso.

Unha vez que se reúnan todos na catedral, cara ás 11.40 horas, está prevista a celebración dunha misa oficiada polo arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, e posterior procesión polas diferentes naves. Durante o acto, a delegada rexia e presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, fará a correspondente ofrenda nacional ao Apóstolo Santiago.

A este acto simbólico sumaranse tamén outros, coma o funcionamento do Botafumeiro, o “motete” en honra do Apóstolo e a entoación do “Gloria Patri”.

ESPECIAL “O FARO”

O capítulo de hoxe da serie “O Faro” da Televisión de Galicia será algo diferente. Baixo o título “Unha nova vida”, amosaranse secuencias inéditas que afondarán nos sentimentos, tramas e paixóns que viven os protagonistas da serie. Durante 80 minutos de duración, este especial non deixará indiferente a ninguén, xa que as sorpresas que haberá neste tempo extra de serie sorprenderán a máis dun.
Esta tarde poderase ver como Patri está a aguantar a súa barriga coma se estivese tendo contraccións. Ricardo estará ao seu carón, moi asustado pola situación e intentará chamar a Lucía mentres. O problema é que esta está na oficina falando por teléfono con Aldo, cun amplo sorriso e moi agarimosa.
Pola súa parte, Feng seguirá moi cariñosa con Víctor, pero el non reacciona, decaído. Carme recibirá a Arturo con dous bicos, moi sedutora e Olga e Mario estarán más preto do habitual neste episodio.

«AREA PÚBLICA»

A intensa actualidade política non descansa nin por estas datas e por iso o programa faladoiro de actualidade “Área Pública” intenta retransmitir esta interesante situación que se está a vivir. Cara ás 18.30 horas, o equipo do programa, presentado por Susana López, achegará os temas que marcan a axenda informativa do día con conexións en directo nos puntos onde se estea a producir a noticia. A isto súmanselle os convidados, expertos e xornalistas, que debullarán os temas para que á audiencia lle sexa máis doado comprender o que pasa.
Os xogos políticos e os pactos e o anuncio da candidatura á investidura do Presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, serán algúns dos temas de actualidade que se abordarán no programa, sempre dunha perspectiva plural e de compromiso de servizo público.

 

ZIGZAG DIARIO

 

Adiantándose por horas ao Aninovo das Letras Galegas, dedicado no 2016 a Manuel María, ZigZag ten previsto no programa de hoxe unha escolma musical na súa lembranza. Vai contar con Uxía Senlle, no propio estudio, para conversar e mesmo cantar arredor da figura do poeta da Terra Chá. Uxía terá ao seu carón tamén a Magín Blanco, co que gravou “Canta o cuco”, o recente disco dedicado ao poeta-labrego. Do que fai doce anos do seu pasamento.

Por outra banda, unha ampla reportaxe dará conta da actuación en Vigo doutro poeta, neste caso cantautor, como Amancio Prada que canta a Rosalía de Castro e Cunqueiro, celebrando o recordo de dous dos seus longplays más coñecidos, dedicados aos dous escritores, nos anos 70. Remata o guión de ZigZag de hoxe cun videoclip de panxoliñas de Bellón Maceiras.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar