Gala de despedida do ano, esta noite na TVG

 

Especial fín de ano 2015 TVG_1

Para despedir 2015 e darlle a benvida a 2016, a Televisión de Galicia ten preparada esta noite unha gran gala onde a música será a protagonista principal, pero tamén haberá tempo para o humor, a diversión, os bos desexos e mesmo a nostalxia. O mestre de cerimonias desta Noitevella da Galega será Xosé Ramón Gayoso, que estará acompañado por Susana Sampedro, Iria Sobrado e Sabela Arán, tres novas actrices galegas que están a destacar nas series de ficción do momento: “O Faro”, “Pazo de Familia” e “Serramoura”.

Polo escenario desfilarán durante esta noite de Fin de Ano artistas destacados do panorama nacional coma Maldita Nerea, Shaila Dúrcal, Rosario, Efecto Pasillo, Toreros Muertos e Javier Gurruchaga.

Formacións tradicionais galegas coma a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, Os Furtivos de Carril e Lirolai, e artistas coma Xosé Manuel Piñeiro, Manuel DeAndrade, Tania Fuegho e Dani Ríos tamén están convidados ao “Especial Fin de Ano” da Televisión de Galicia.

As mellores orquestras do país tampouco queren perder esta gran festa organizada pola TVG, en que despregarán todo o seu ritmo e espectacularidade a Panorama, a París de Noia, El Combo Dominicano e a orquestra Cinema.

Pero, sen dúbida, unha das grandes protagonistas no escenario será a cápsula do tempo pechada o 24 de xullo de 1985, cando a TVG, que este ano celebrou o seu 30 aniversario, comezaba as súas emisións. Ao longo do programa, os presentadores irán sacando dela obxectos tan representativos dos anos 80 coma un walkman, un disco de vinilo, un casete ou unha cinta de VHS; xogos de mesa propios desa época; xoguetes coma as “barriguitas” ou o “gusiluz”; personaxes coma Naranjito e Snoopy, e tendencias de moda coma os grandes pendentes ou as chaquetas de ombreiras.

O programa tamén botará a ollada atrás no terreo musical, coa recuperación de vídeos de artistas que soaban nos 80. Bananarama, Olé Olé, Aerolíneas Federales, Álex y Cristina, Dire Straits, Cindy Lauper, Gabinete Caligari, Michael Jackson, Queen, Os Resentidos, Loquillo, Whitney Houston, Pet Shop Boys, Miguel Bosé, La Unión, Supertramp, Radio Futura, Ramoncín, Danza Invisible, El Último de la Fila, Siniestro Total, Objetivo Birmania, Tina Turner, Pink Floyd e Madonna son algúns dos elixidos para lembrar a música daqueles anos.

Despois de baleirar esa cápsula do tempo, o que procede será enchela de cousas e obxectos representativos da época actual para volvela abrir dentro doutros 30 anos. Un teléfono móbil, un pau de selfie, unha tarxeta de “Luar”, un DVD, un pendrive e un gintonic son algúns trebellos que estarán agochados na caixa durante as vindeiras tres décadas.

Badaladas con João Simões

No medio da festa, arredor da medianoite, chegará o momento, coma sempre, de conectar coa praza do Obradoiro, a onde se desprazará Gayoso, que este ano contará cun acompañante moi especial no momento das uvas e das doce badaladas: João Simões, un dos personaxes máis coñecidos e carismáticos do programa “Land Rober”, que lle porá o toque de humor a esta noite tan especial, en que se pecha un ciclo para comezar outro novo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar