Chamamento á prudencia ao volante ante os graves accidentes de fín de ano

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, organismo dependente da Consellería de Sanidade, que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade Autónoma galega, reitera o seu chamamento aos condutores e aos peóns, para que extremen as precaucións nas estradas durante os vindeiros días de festividade.

Ante esta previsión dun maior número de desprazamentos, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recomenda, unha vez máis, aumentar as medidas de prevención e lembra a conveniencia de empregar os sistemas de seguridade activa, como os cintos, o casco ou as cadeiras infantís. A ausencia destes elementos fai que as lesións sexan moito máis graves en caso de accidente.

A velocidade é outro dos factores que intervén nun accidente. É importante que os condutores se manteñan en condicións óptimas ante os problemas de tráfico que poidan coincidir nestas datas, tales como mal tempo ou tráfico denso.

O 061 de Galicia recomenda, ademais, evitar o consumo de alcohol nos condutores, e lembra que os seus efectos non só incrementan o risco de sufrir accidentes, senón que, en caso de ter un, dificulta as tarefas dos servizos sanitarios ao interferir o alcohol cos fármacos subministrados.

Tamén é importante lembrarlles aos peóns a importancia de facerse ver se circulan ou cruzan por estradas. Segundo a Dirección Xeral de Tráfico, no ano 2014, ao redor dun 10% das vítimas dos accidentes de tráfico foron peóns e as súas lesións adoitan ser moi graves pola fraxilidade do corpo ante os vehículos en movemento.

Nas festividades do ano pasado, dende o mércores 26 de decembro de 2014 ata o martes 6 de xaneiro de 2015, os profesionais do 061 de Galicia asistiron 207 accidentes de tráfico e prestáronlles asistencia a 274 persoas, tres das cales faleceron no lugar do sinistro.

 

ACCIDENTES: COMO ACTUAR

Unha vez se produce un accidente é fundamental actuar correctamente para evitar aumentar o número de vítimas. É importante avisar canto antes, para que acudan os servizos de emerxencia, marcando o 061 e non intervir se non se sabe como.

A persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados, canto máis datos se lle dean máis se axudará a este organismo na súa tarefa.

É necesario facilitar a situación exacta do lugar do accidente e o estado dos feridos, para que se poidan enviar os recursos sanitarios necesarios dependendo da gravidade do suceso.

Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico, trate de aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Deberá poñer roupa reflectante ou rechamante, pero nunca escura. Ademais, sinalizará o accidente 200 metros antes e despois do lugar no que ocorreu.

Outra das medidas que se deberán realizar será apagar as luces e retirar as chaves do vehículo sinistrado e considerar a existencia de perigos engadidos, como pode ser o desprendemento de gases, incendios, cables eléctricos, entre outros.

O que non se debe facer nunca é poñer en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender os accidentados, hai que adoptar as medidas de seguridade axeitadas, para evitar novos accidentes. Igualmente, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.

É importante lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é un servizo que funciona as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas se poden salvar se son tratadas dun modo axeitado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar