Liberan a unha conductora tras sairse da AP-9 en Miño

Os Bombeiros de Betanzos liberaron este mediodía a unha muller que quedara atrapada por un pé tras sufrir unha saída de vía co vehículo que conducía. O sinistro aconteceu na AP-9, á altura do concello coruñés de Miño, na entrada do viaduto do Río Baxoi, cando circulaba en dirección Ferrol.
Foi un particular quen alertou ao CAE 112 Galicia minutos antes das 12:30 horas de hoxe. Así, ademais de informar aos efectivos do parque comarcal betanceiro, púxose en coñecemento de Urxencias Médicas, Protección Civil de Miño e forzas da orde.
Por outra banda, o CAE 112 Galicia tivo constancia nesta tarde doutro accidente no que tamén foi requirida a presenza dos bombeiros.
Neste caso, tratouse dunha colisión entre dous vehículos na cidade de Vigo, na avenida de Castrelos. A chamada de técnicos sanitarios alertando do accidente indicaba que había unha persoa atrapada. De seguido, o persoal do 112 Galicia informou aos Bombeiros de Vigo que, finalmente, non tiveron que excarcerar e só axudaron a mover un dos asentos do vehículo sinistrado para facilitar que un dos ocupantes saíse. Ademais, requiriuse a intervención dos axentes da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil da cidade. O suceso rexistrouse ás 17:00 horas de hoxe.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar