Galicia chega á cifra histórica de 4,3 millóns de viaxeiros en once meses

Clik en el gráfico para ampliarlo
Clik en el gráfico para ampliarlo

De acordo cos datos feitos públicos no día de hoxe Instituto Nacional de Estatística (INE), a Comunidade galega lidera o crecemento turístico estatal ao longo dos 11 primeiros meses do ano e acada un máximo histórico de viaxeiros ao rexistrar neste período un total de 4.384.332 viaxeiros nos seus establecementos turísticos regrados.

Porcentualmente, nos 11 primeiros meses do ano 2015, a cifra de viaxeiros aloxados subiu un 12,1%, case o dobre que a media estatal, e o número de pernoitas medrou un 8,5%, acadando case 8,85 millóns de noites neste período.

Nestes 11 primeiros meses de 2015, obsérvase un comportamento positivo dos dous grandes segmentos de mercado, contribuíndo ambos os dous ao crecemento xeneralizado da demanda.

Así, sobe o turismo nacional nun 7% no tocante ás pernoitas e nun 9,9% no que atinxe ao números de viaxeiros. Este resultado positivo leva a que en termos de viaxeiros, o turismo nacional acade a cifra máis elevada dos últimos cinco anos, con 3,14 millóns. Acumula tres anos consecutivos de crecemento da demanda procedente do conxunto do Estado.

Récord de viaxeiros internacionais
No eido do turismo internacional, este increméntase nun 13,8% no tocante ás pernoitas e os viaxeiros soben nun 17,9%. Esta mellora supón que o mercado internacional en Galicia, tanto no que atinxe a viaxeiros como a pernoitas, rexistre nestes 11 primeiros meses do ano un máximo histórico, con preto de 1,24 millóns de viaxeiros e 2 millóns de pernoitas.

Estas cifras outorgan tamén un máximo histórico no peso do mercado internacional, que supón o 28,4% dos viaxeiros e o 22,7%das noites.

Tipoloxía de establecementos
O incremento da demanda nos 11 primeiros meses do ano prodúcese en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas. No segmento hoteleiro o crecemento dos viaxeiros sitúase no 8,4% e no extrahoteleiro a suba é do 8,9%.

Son os apartamentos turísticos a modalidade que rexistra o crecemento de maior intensidade no acumulado dos once primeiros meses de 2015, cunha suba do 33% do volume de viaxeiros aloxados e do 18% nas pernoitas.

Os apartamentos turísticos acumulan dez anos de crecemento consecutivo da demanda na nosa comunidade, e acadan tamén nestes 11 meses de 2015 máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados, con 80.819, como de pernoitas, con preto de 310.00.

No turismo rural obsérvase tamén unha mellora notable da demanda ao superar un 21,6% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 16,2% o nivel de pernoitas do mesmo período do 2014. Este segmento acada polo tanto outro máximo histórico de volume de viaxeiros aloxados nun ano non xacobeo con máis de 181.000 rexistros.

Nestes once meses o 83,2% da demanda corresponde aos establecementos hoteleiros –porcentaxe que aglutina tanto aos hoteis, co 65,7% do total, como ás pensións, co 17,5% neste caso-. O segmento extrahoteleiro absorbe neste período ao 16,8% da demanda regrada, porcentaxe que na súa maior parte corresponde aos cámpings –co 9,5% do total-. Os apartamentos turísticos e os establecementos de turismo rural acadan o 4% do total da demanda regrada de Galicia.

Novembro de 2015
Polo que respecta ao pasado mes de novembro, Galicia rexistrou un incremento do volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados da comunidade do 6,4%, ata situarse en preto de 210.000 viaxeiros. Canto ás pernoitas, estas foron de preto de 400.000 no conxunto da Comunidade.

Polo que respecta aos segmentos de mercado, o pasado mes de novembro os viaxeiros españois subiron un 3,7% mentres que os internacionais medraron nun 21,2%. Deste modo, o turismo internacional acada neste undécimo mes do ano un máximo histórico de viaxeiros aloxados, con preto de 38.000.

Nas tipoloxías de aloxamento, por mercados destaca o segmento extrahoteleiro que amosa subas do 21% en pernoitas nacionais e do 46% en pernoitas internacionais.

No segmento extrahoteleiro destacan as subas rexistradas nos apartamentos turísticos e turismo rural, próximas ao 25% en pernoitas. En canto aos viaxeiros, os apartamentos turísticos teñen un aumento do 35,7% e os establecementos de turismo rural do 15,5%.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar