O BNG trabucouse

Aínda que o problema ven de hai 25 anos, o BNG trabucouse nas pasadas eleccións. Os resultados son contundentes. Errou ao centrar a súa campaña en que Galiza debía de ter grupo parlamentario propio para defender os seus intereses sen ataduras nas Cortes. A pulsión cidadán estaba no cambio de ciclo. Era case imposíbel que puidese «colar» a súa mensaxe ante o electorado, pero cando se programa unha campaña debes saber con que medios contas para levarlle o combate á voz dominante. O BNG trabucouse cando botou meses enmarañado na defensa dunha candidatura unitaria pensando que ese ía ser outro eixo da campaña. Topouse, finalmente, con que a marca Nós-CG era descoñecida e, a moitos, non lles dicía nada.

O BNG trabucouse centrando a súa campaña no papel de Galiza no Estado, como se trabucou HB en Euskadi, pois a maioría progresista estaba centrada en desbancar ao PP do goberno.

O BNG trabucouse ao propoñer que nunha nova restauración as voces dominantes fosen as nacións sen Estado. Podemos acertou ao engulir a coalición En Marea. Os parlamentarios galegos pertencen ao seu grupo e, aínda que lles outorgasen grupo parlamentar propio, que non vai poder ser, por desgraza, o acordo asinado só lles daría autonomía na política galega, nos outros temas a dirección marcaraa Pablo Iglésías.

Podemos acertou ao negarse a que o BNG entrase nesa coalición. Como xa puxeron de manifesto na primeira r­eunión con IU e Anova, «o BNG non aporta nada». Dous deputados máis non variarían para nada os seus excelentes resultados. Seguramente, de presentarse en solitario, coma en Euskadi, os resultados finais non serían nada diferentes, pero non danaría ao BNG cara as autonómicas e propiciaría a reunificación nacionalista.

Podemos acertou porque conseguiu un dos seus obxectivos fundacionais: diluír aos nacionalismos periféricos e ser o «garante da unidade de España». Aí están os resultados de Catalunya, de Euskadi e de Galiza, moito mellores que no resto do estado: o bipartidismo aínda lle leva ás demais forzas cen escanos.

Pero o BNG podía diluírse nunha marca estatal, Podemos, e acatar non só a súa visión de Estado senón tamén a súa estratexia? Non sería un forte golpe cara os dereitos dos seus cidadáns galegos?

Podería Nós, facer outra campaña que non fose centrada na Galiza e no seu dereito a ser recoñecida como nación dentro do Esta-do? Servirá está coalición para comezar un novo proceso no nacionalismo? Falloulle a táctica, pero a estratexia é boa.

Galiza ten dous deputados nacionalistas coma antes, Miguel Anxo e Alexandra, pero agora supeditados a unha forza estatal… E alguén viu a «ruptura democrática» da que falan Beiras e Podemos?

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar