O 112 reforza o seu persoal ante as crecentes urxencias no Nadal

Axega 112_San Marcos

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza, un ano máis, o seu persoal da Central de Coordinación para garantir que a asistencia sanitaria ás urxencias e ás emerxencias que se produzan na Comunidade Autónoma galega sexa axeitada durante as datas de Nadal.

Como vén sendo habitual, o número de chamadas aumenta durante o Nadal, non só a consecuencia do incremento das patoloxías relacionadas coa estación invernal, senón tamén polos excesos propios destes días, nos que aumentan os accidentes de tráfico ante o maior número de desprazamentos.

Así, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforzará o servizo habitual segundo as análises de incremento de chamadas nestas datas especiais para axilizar a consulta médica e optimizar a xestión dos recursos co fin de dispoñer dos medios máis axeitados para a atención das emerxencias que puideran xurdir.

Isto supón que estes vindeiros días haberá un facultativo máis nas quendas de noite (de 22 a 8 horas) as noites do 24, 31 de decembro e o 5 de xaneiro, así como na quenda de mañá do primeiro día do ano. Respecto ao persoal de xestión telefónica, o servizo reforzarase cun locutor máis -encargado de mobilizar os recursos asistenciais de soporte vital básico e avanzado tras a valoración do médico-, e ata dous teleoperadores máis nas quedas de noite nos días 24, 25, 26 e 31 de decembro e 1, 2, e 5 de xaneiro de 2016. Reforzaranse tamén, cunha persoa máis do habitual, as franxas horarias de cada un destes grupos nas quendas de día das xornadas do 24, 25, 26, 27 e 31 de decembro e os días 1, 2 , 3 e 6 de xaneiro.

26 MIL CHAMADAS O ANTERIOR NADAL

O pasado Nadal -dende o 24 de decembro de 2014 ata o 6 de xaneiro de 2015-, a Central de Coordinación do 061 de Galicia recibiu un total de 26.162 chamadas de demanda sanitaria, que xeraron 24.467 procesos asistenciais, dos que 2.490 foron orixinados directamente por peticións de Atención Primaria.

Dos 24.467 procesos asistenciais xerados polo 061, o 40 por cento resolvéronse sen mobilización de recursos e o 60 por cento restante precisaron da mobilización dalgún recurso (visita domiciliaria de médico ou enfermeiro de Atención Primaria, transporte urxente e/ou emerxencias).
Dos procesos asistenciais nos que a Central de Coordinación estimou necesario a mobilización dalgún recurso, nun 55% tratouse de emerxencias sanitarias, no 33% de transporte urxente e un 12% resolveuse con visitas domiciliarias. O total de recursos mobilizados foron 15.639.

Para a resolución da demanda citada anteriormente mobilizouse o helicóptero medicalizado en 20 ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado acudiron a 888 sinistros, as ambulancias asistenciais en 6.165 e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico, en caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria de 1.054 ocasións. En 358 sinistros asistiron ambulancias convencionais.

Neste período os accidentes de tráfico e as intoxicacións son os principais motivos de demanda sanitaria na Central de Coordinación. Así, no Nadal pasado o 061 de Galicia recibiu 244 chamadas en relación cos accidentes de tráfico, que xeraron 207 asistencias por parte dos sanitarios do 061 que atenderon a 274 persoas, das que tres faleceron no punto do incidente.

No caso das intoxicacións, entre o 24 de decembro de 2014 e o 6 de xaneiro de 2015, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atenderon a 406 persoas, das que 350 foron asistidas por intoxicacións por alcohol e 56 por consumo de drogas.

Por último, é importante lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo encargado de prestar atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias na Comunidade Autónoma galega as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas poden ser salvadas e moitas lesións atenuadas se reciben a asistencia sanitaria axeitada.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar