Os Premios de Cultura Galega recoñecen a traxectoria de cinco persoeiros e colectivos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde na gala de entrega dos Premios da Cultura Galega 2015, que recoñecen a traxectoria de oito persoeiros e entidades do ámbito creativo e da difusión cultural. Durante a súa intervención, o responsable do departamento de Cultura da Xunta de Galicia salientou que Galicia “fálalle ao mundo mediante a súa cultura e escoita ao mundo a través da súa cultura. Pero sobre todo, Galicia está unida pola súa cultura”.

Deste xeito, destacou o traballo de cada un dos galardoados deste ano, que contribúen a ampliar a prolífica cultura galega. A escritora Fina Casalderrey, o debuxante Miguelanxo Prado, a actriz María Bouzas, o cineasta Ignacio Vilar, o Real Coro Toxos e Froles, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e a investigadora Kathleen Nora March son os premiados nas diferentes modalidades duns premios destinados a recoñecer o traballo de persoas e institucións nos distintos ámbitos da creación, a conservación do patrimonio e a difusión da cultura galega. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou tamén no acto, sendo o responsable da súa apertura.

 

Premios da Cultura_conselleiro Román_premiados

 

Filgueira Valverde e Neira Vilas

Román Rodríguez exemplificou, a través da obra de Xosé Filgueira Valverde –a quen este 2015 se lle dedicou o Día das Letras Galegas– e mais do recentemente falecido Xosé Neira Vilas, a “cultura feita de pontes” que caracteriza a cultura galega. Porque de Filgueira Valverde “todos subliñaron a súa teima por ser unha ponte entre a literatura medieval, que tanto amou, e o seu tempo”, subliñou. E porque, no caso de Neira Vilas, “a súa ponte une as dúas beiras do Atlántico, para facernos presente o mundo da emigración en Galicia e para levar Galicia ao mundo da emigración”, afirmou.

“Galicia non é nin quere ser unha illa”

Pese a tratarse de dúas figuras “moi diferentes –proseguiu o conselleiro–, non hai nada deles que impida que os galegos os sintan como seus”. Por iso, Román Rodríguez remarcou que “somos como somos porque nacemos nunha cultura feita de pontes, que nos inspira un receo sobre os que teiman por destruílas”. “É grazas a esa cultura que un país como o noso é poderoso na súa achega ao patrimonio universal”.

Neste sentido, tamén destacou que “Galicia non é nin quere ser unha illa, e vive nun mundo convulso que pode levarnos á errónea conclusión de que todo procede dun choque de culturas, incapaces de conviviren e destinadas a un duelo dramático”, alertou. Pero a cultura –subliñou– “nunca enfronta”.

Letras

Na modalidade de Letras, a premiada foi a escritora Fina Casalderrey, cunha traxectoria profesional vinculada á literatura infantil e xuvenil que se traduce en máis de 50 títulos. Mestra de profesión, esta autora conta cun importante recoñecemento por parte do público que lle outorgou numerosos galardóns, entre os que destacan o Premio Merlín 1991, o Barco de Vapor 1994, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1996 e o Álvaro Cunqueiro en 1999, entre outros. Tamén foi recoñecida coa Medalla Castelao en 2003. A súa obra, que destaca polo coidado no uso do idioma e o manexo de diferentes rexistros, foi traducida a varias linguas como o español, o inglés, o italiano, o francés, o portugués, o catalán, o éuscaro, o coreano ou o bretón.

Artes Plásticas

O debuxante Miguelanxo Prado foi o galardoado na modalidade de Artes Plásticas. O autor máis importante da historia da banda deseñada galega comezou na pintura e, a finais dos setenta, iniciou a súa andaina no cómic. Como ilustrador no ámbito audiovisual galego destaca pola creación do personaxe do Xabarín e da serie Os Vixilantes do Camiño, para a TVG, así como na dirección do Salón Viñetas desde o Atlántico. Tamén colaborou coa factoría americana Dreamworks para os personaxes da serie Men in black; e co famoso guionista Neil Gaiman. No 2013 obtivo o Premio Nacional do Cómic con Ardalén.

Artes Escénicas

O Premio Cultura Galega de Artes Escénicas recaeu en María Bouzas, unha das actrices galegas de maior experiencia e traxectoria profesional. Formada na Escola Superior de Arte Dramática de Madrid, a maior parte da súa traxectoria teatral desenvolveuna na Compañía de Marías, con María Pujalte. Con todo, a popularidade acadouna a través da pequena pantalla, a raíz da súa participación en series da TVG como A familia Pita, Pratos combinados e Terra de Miranda. No mundo do cine destaca a súa presenza nas películas Urxa, Un soño de verán ou Sei quen es. Presidiu a Academia Galega do Audiovisual e foi organizadora dos Premios Mestre Mateo entre 2006 e 2009. Desde 2011 a súa traxectoria profesional estase desenvolvendo en Madrid, na serie de éxito El secreto del Puente Viejo.

Música

O recoñecemento do xurado na modalidade de Música foi para o Coro Toxos e Froles, que tivo a súa orixe no seo da Orquestra Ferrolá de Pulso e Púa Airiños D´a Miña Terra, en 1907. Pero é en 1914 cando comezan a darlle forma ao nacemento dun coro galego na cidade de Ferrol e, un ano despois, ten lugar a súa primeira actuación no Teatro Jofre de Ferrol, baixo a dirección de Lorenzo Barja. O coro creou o Premio Manuel Lorenzo Barxa, a entidades ou músicos destacados, e o Premio Literario Letras de Bretaña e as Medallas do Reino de Merlín. En 2005 foille outorgada a Medalla de Ouro de Galicia e, un ano despois, a Medalla de Ouro Marcial del Adalid da Real Academia Galega de Belas Artes.

Audiovisual

Na categoría de Audiovisual o premio recaeu este ano no cineasta Ignacio Vilar. Tras as primeiras experiencias audiovisuais en Barcelona, no regreso a Galicia monta a produtora Vía Láctea Filmes, coa que crea curtas en 35mm, documentais e series documentais para televisión. Posteriormente pásase á longametraxe e dirixe os filmes Ilegal (2001), Un bosque de música (2003), Pradolongo (2007), Vilamor (2011) e A esmorga (2014). Esta última obtivo unha grande acollida de éxito de público e crítica, logrou estrearse no resto de España e bater o récord de carteleira de 12 semanas. Con 16 nomeamentos dos premios Mestre Mateo 2014, foi tamén candidata aos Premios Goya 2015 na categoría de mellor guión adaptado. O director ourensán, con filmes exitosos rodados en lingua galega, atópase gravando a súa nova longametraxe, que levará como título Sicixia.

Lingua

Na modalidade de Lingua o galardón deste ano é para a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, unha entidade creada en 2009 coa intención de coordinar actividades e experiencias e de servir de canle para as iniciativas, inquietudes e propostas relacionadas coa nosa lingua como parte do noso patrimonio cultural e da nosa identidade. Está formada por equipos de centros públicos, privados e concertados, así como por profesionais do ensino que teñen como principio fundamental a promoción do galego.

Patrimonio Cultural

Na modalidade de Patrimonio Cultural, o xurado recoñeceu o traballo da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, que naceu en 1993 co obxectivo de defender, divulgar e dinamizar o patrimonio marítimo de Galicia, sobre todo no que atinxe ás embarcacións tradicionais. Precisamente, desde os seus inicios dedicou un importante traballo á recuperación de embarcacións e tipoloxías tradicionais, á realización de investigacións no eido patrimonial costeiro e marítimo, á realización de regatas e exhibicións conxuntas, e ao fomento do asociacionismo cultural nas vilas e lugares costeiros.

Promoción Exterior

A investigadora Kathleen Nora March (Nova York, EEUU) foi a gañadora na modalidade de Promoción Exterior. Esta filóloga, hispanista, e catedrática de Linguas Modernas da Universidade de Maine ata a súa recente xubilación, foi pioneira na investigación da cultura galega e dos estudos galegos no mundo universitario dos Estados Unidos, e infatigable difusora e defensora da nosa cultura no ámbito internacional. Foi a primeira presidenta (1982-1985) da actual Asociación de Estudos Galegos orixinariamente coñecida como Galician Studies Association; e na súa traxectoria investigadora combinou sempre o interese pola literatura galega cos estudios concretos sobre a produción realizada por mulleres. Cabe destacar o seu interese pola obra de Rosalía de Castro, da que é unha gran coñecedora, e da que traduciu diferentes obras. March tamén traduciu ao inglés obras doutros autores galegos destacados como Álvaro Cunqueiro ou Claudio Rodríguez Fer. Ten estudado tamén a obra de Xohana Torres, Manuel Antonio, Luz Pozo ou Castelao. A súa obra máis recente leva o título No tempo de Follas Novas. Unha viaxe pola literatura universal (2015).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar