Convenio para reparar a Ponte do Milenio de Ourense

Ethel Vázquez_Jesús Vázquez, alcalde Ourense

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou que nos vindeiros días se abrirá o concurso público para a execución das obras de reparación da Ponte do Milenio, en Ourense, por algo máis de 500.000 euros. A conselleira e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, asinaron esta tarde en Santiago o acordo de colaboración polo que o Goberno galego executará estas obras e o Concello asumirá, posteriormente, a titularidade da infraestrutura.

Na xuntanza que mantiveron, ambos os dous coincidiron en sinalar que este acordo supón rematar coa situación de indefinición existente sobre a titularidade da ponte e garantir o seu mantemento.

Ethel Vázquez lembrou que esta infraestrutura é estratéxica para Ourense, posto que permite atravesar o río Miño e comunicar ambas as marxes da cidade. Tal como establece o acordo, a Xunta procederá á reparación da ponte, traballos aos que se destinarán máis de medio millón de euros.

 

POnte do Milenio Ourense

 

As obras a realizar pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) consistirán na inxección das fendas que teñen unha excesiva abertura, limpeza de corrosión e protección anticorrosiva dos elementos de aceiro do viaduto e revestimento dos pilonos cunha pintura acrílica impermeable, que impida a penetración de auga. Ademais, se executará a impermeabilización completa da cara superior do taboleiro, para eliminar humidades e filtracións ao seu interior, incluso substituíndo a capa de rodadura.

 

DETALLE DAS OBRAS

 

En relación coas accións de conservación, retiraranse a carriza e os liques dos paramentos verticais de formigón e canalizarase a auga que se filtra pola xunta cara aos sistemas de drenaxe próximos. Tamén se eliminarán a vexetación das xuntas das aletas da ponte e as pintadas, aplicando un verniz nas zonas accesibles. Ademais, repararase o sistema de iluminación arranxando e repoñendo todas aquelas luminarias deficientes e farase unha revisión completa do sistema eléctrico.

Para a responsable de Infraestruturas do Goberno galego, “son un conxunto de intervencións que deixarán á Ponte do Milenio en condicións óptimas para proceder á súa entrega ao Concello, acabando, así, coa situación de indefinición existente sobre a súa titularidade”.

“Trátase dunha actuación importante para Ourense, xa que contribuirá a mellorar e conservar unha infraestrutura que é estratéxica, desde o punto de vista da mobilidade; cun gran atractivo turístico, por canto ofrece unha visión panorámica da cidade; e emblemática xa que, logo de anos, a ponte tense convertido nun elemento representativo da cidade”, asegurou.

Ethel Vázquez quixo subliñar o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas da cidade das Burgas, “posto que esta actuación vense a sumar a outra actuación que licitamos o pasado 11 de decembro, como foi a acción de posta en valor da Ponte Romana, coa reparación da calzada e coa renovación da iluminación, nas que imos investir máis de 314.000 €”.

Pola súa banda o alcalde de Ourense indicou que “coa sinatura de hoxe damos luz verde a unha serie de actuacións de mellora para contribuír ao seu bo mantemento e a unha mellor conservación da ponte, que, logo de anos en servizo, presenta necesidades de mellora. Por iso, con estas obras, que asumirá a AXI, teremos cumpridas as necesidades dunha das pontes que máis sorprenden aos que nos visitan en Ourense”.

Jesús Vázquez lembrou que “case dúas décadas despois, regularizamos xuridicamente a titularidade da Ponte, así como as obrigas que corresponden ao seu titular, neste caso, ao Concello de Ourense”.

 

A PONTE DO MILENIO

A Ponte do Milenio foi executada pola Xunta de Galicia entre os anos 1999 e 2001 e, tras máis de 14 anos en servizo non presenta danos estruturais pero cómpre realizar unha serie de actuacións para contribuír ao seu bo mantemento e a unha mellor conservación. A principios de 2015, a AXI contratou unha inspección do estado de conservación da ponte e o informe elaborado recomenda realizar unha serie de actuacións para preservar manter ou recuperar o nivel de servizo dalgunhas das súas partes, de cara a ampliar a vida útil da estrutura.

A Ponte do Milenio sobre o río Miño é unha infraestrutura atirantada de 275 metros de lonxitude que se distribúen en catro vaos. Forma parte dunha estrutura viaria que conecta no seu extremo norte coa estrada nacional N-525 e no seu extremo sur coa rúa Pardo de Cela, de titularidade municipal.

A ponte construíuse entre 1999 e 2001 co obxectivo de pechar ao tráfico rodado a ponte romana de Ourense, que soportaba un volume de tráfico que poñía en perigo a súa conservación. A súa función principal é servir de cruzamento do río Miño para comunicar ambas as marxes da cidade de Ourense, e é unha infraestrutura estratéxica para a cidade.

A singularidade da estrutura radica na pasarela peonil de formas curvas que rodea a parte superior dos pilonos e descende sobre o río Miño uns 6 metros por debaixo da rasante. Este é un grande atractivo turístico por ofrecer unha visión panorámica da cidade de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar