Residencia de Señoritas

Nun dos debates televisivos desta campaña electoral, o outro día, había paridade na parte profesional que se encargaba da súa moderación, pero das catro persoas que representaban a cadanseu partido político só unha era muller, o 25%. Noutros ámbitos e noutros escenarios, pola contra, as mulleres son maioría. Tamén na Universidade, a pesar da súa tardía incorporación e da discriminación sufrida, nos últimos anos, o número de mulleres estudantes supera ao de homes, en tódalas carreiras.

Pero isto non foi sempre así, os estudos dos cambios, aquelas persoas e movementos socias que pasaron a vida loitando para eliminar as desigualdades de xénero, e nós mesmos, a cidadanía ao completo, vemos un avance importante e igualmente un camiño aínda por andar, para erradicar esta e todas as desigualdades. Hai camiño e andarase! Andarase “a pés xuntos”, a poder ser, sen atrancos e sen necesidade de cotas.

No caso da loita polos dereitos das mulleres, os atrancos foron moitos e duradeiros. Para superar algún deles, en 1907 créase a Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, unha entidade encargada de fomentar a renovación pedagóxica e científica en España, que foi quen de poñer en marcha, en Madrid, hai xusto cen anos, a meritoria Residencia de Señoritas, no marco da Residencia de Estudiantes.

Residencia da que se ocupan catro capítulos da tese de doutoramento de Raquel Vázquez Ramil, defendida na Universidade de Santiago de Compostela, no ano 1989, La institución Libre de Enseñanza y la educación de la mujer en España: la Residencia de Señoritas (1915-1936). Nesta investigación, a autora fai referencia ás eventualidades e á oportunidade da creación da Residencia, fala de quen foi a primeira directora, María de Maeztu y Whitney, das actividades que se realizaban, da organización interna e tamén do seu desmantelamento por mor da maldita Guerra Civil.

Entre as 1.175 mulleres que viviron na Residencia de Señoritas, arredor de 30 eran galegas, “pioneiras na defensa da igualdade entre homes e mulleres”. Agora, como di a Tía Manuela, neste centenario do seu nacemento, ben merecen recoñecemento, a Academia e as súas estudantes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar