Reducir a fenda dixital, obxectivo do acordo entre a Xunta e os concellos

 

A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) colaborarán de novo en 2016 para garantir que a capacitación dixital chegue a todos os galegos a través das actividades que desenvolve a Rede de aulas CeMIT.

Así se recolle no convenio asinado polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o presidente da Federación Galega de Municipios (Fegamp) Alfredo L. García.

Esta colaboración entre administracións garante a continuidade e mellora dun servizo fundamental para reducir non só a primeira fenda dixital, a do acceso ás TIC, senón tamén a segunda fenda dixital, a das habilidades dixitais, ofrecendo unha aprendizaxe permanente neste eido que contribúa á mellora da empregabilidade.

INVESTIMENTO

O acordo establece que en 2016 a Amtega achegará aos concellos a través da Fegamp 782.774,70 euros para a realización de actividades en materia de inclusión dixital nas consideradas aulas de referencia da Rede. Este orzamento distribuirase atendendo a criterios de actividade das aulas así como da poboación do concello.

Convenio Federación de Municipios Dixitalización_FEGAMP_Rueda_Amtega

Coma novidade, este ano o acordo inclúe a posibilidade de dispor dunha listaxe de aulas de reserva de xeito que, cando unha aula de referencia sexa baixa por vontade propia ou por incumprimento dos criterios establecidos, as aulas de reserva poderán pasar a ser aula de referencia sempre e cando cumpran os requirimentos de actividade.

O orzamento deste acordo constitúe unha parte do investimento total que a Amtega destinará á inclusión social o vindeiro ano, que ascende a máis de 1,6 millóns de euros.

OBXECTIVOS PARA 2016

Os obxectivos previstos da Rede para 2016 son impartir 45.000 horas de formación dixital gratuíta é acadar os 56.000 usuarios rexistrados.

Xunto coas actividades formativas, o vindeiro porase a disposición da cidadanía galega dúas novas ferramentas para facilitar o acceso aos recursos de capacitación dixital. Así, en 2016 entrará en funcionamento unha web de Inclusión Dixital, que integrará nun único espazo toda a información relacionada cos servizos, proxectos, iniciativas e actividades desenvolvidas pola Xunta de Galicia neste eido e un mapa de e-inclusión, que permitirá atopar e xeolocalizar todos estes activos e recursos dispoñibles en Galicia no ámbito dixital.

O vindeiro ano terán continuidade proxectos e iniciativas singulares que se puxeron en marcha en 2015 como “CeMIT-Innova”, un proxecto para o fomento da innovación social dixital en Galicia e que supuxo a posta en marcha de dez novos pilotos colaborativos impulsados polos axentes TIC das aulas CeMIT para a resolución de retos sociais da súa contorna empregando a tecnoloxía coma ferramenta.

Tamén se ampliará o alcance de “O Banco de tempo”, unha iniciativa para intercambiar e compartir horas de formación entre centros a través de videoconferencia, o que permite que a oferta formativa das aulas chegue a un maior número de usuarios.

184.000 horas de formación e máis de 52.700 usuarios en 5 anos
A Rede CeMIT conta cun total de 98 aulas, presentes en 92 concellos. Desde a súa posta en marcha pola Amtega, hai cinco anos, a Rede leva impartidas 184.700 horas de formación gratuíta, principalmente en alfabetización e capacitación dixital a máis de 52.700 usuarios.

A rede ofrece tamén formación especializada por colectivos grazas á súa colaboración coa co Centro Demostrador TIC, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e a Escola Galega de Administración pública, retransmitindo, xornadas e actividades a través súa rede de videoconferencias.

Ademais desde 2014, CeMIT é a rede habilitada para acreditar á cidadanía a Certificación Galega de Competencias Dixitais en ofimática (CODIX), da que xa se examinaron máis de 840 persoas.

AXENDA DIXITAL GALICIA 2020

A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) levan dous anos colaborando activamente no impulso de actuacións de inclusión dixital no marco da Administración Local e durante o 2016 traballarase para avanzar no cumprimento dos obxectivos marcados polas Axendas Dixitais española e europea, así como pola Axenda Dixital de Galicia 2020, que establece entre os seus desafíos o de pasar da alfabetización á autonomía dixital.

O obxectivo final é incrementar os coñecementos dixitais todos os galegos e galegas, con independencia da súa idade, lugar de residencia ou situación económica para a mellora a súa autonomía persoal, o envellecemento activo e a empregabilidade, entre outros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar