O outono que remata a próxima semana foi cálido

Outono cálido en GAlicia

O outono de 2015 en Galicia foi cálido, debido en boa parte ás temperaturas rexistradas ao longo do mes de novembro, e foi moi distinto ao do ano anterior, que presentou 2ºC de anomalía positiva. Nesta ocasión o valor de referencia do período 1971-2000, que é 14.3 ºC, foi superado en 0.9 ºC, o que fai que a estación sexa considerada como cálida.

 

Se ben setembro foi un mes que estivo moi preto da normalidade, no segundo mes da estación as temperaturas estiveron lixeiramente por riba do normal, resultando un outubro cálido; debido en gran parte ás altas temperaturas que se rexistraron nos períodos anticiclónicos.

 

Non obstante, novembro foi o responsable de que este outono resultase cálido, cunha anomalía de temperatura de 2.5 ºC, período no que destacaron as elevadas temperaturas rexistradas principalmente nas xornadas do 6, 7 e 8, onde se superaron rexistros históricos en moitas localidades de Galicia, como os 26.1ºC de máxima o día 7 na cidade de Ourense ou os 19.1ºC de mínima o día 6 na cidade da Coruña. No seguinte mapa de anomalías de temperatura para este outono, pode observarse zonas nas que a temperatura resultou normal, cunha anomalía moi próxima a 0ºC. Sen embargo, en xeral foi cálido, destacando as comarcas de Vigo, o Baixo Miño e Os Ancares, con valores de +2.5ºC.

 

PRECIPITACIÓNS

 

En canto ás precipitacións, a chuvia rexistrada foi inferior nun 21% ao valor climático de referencia do período 1971-2000, que é de 390 L/m2, e polo tanto, o outono pode cualificarse como seco. O ano que acadou unha anomalía inferior a este ano foi o 2007.

 

O outono comezou cun mes de setembro, en canto a precipitacións, cunha distribución espacial moi irregular. Así, as chuvias acumuladas estiveron moi condicionadas polo episodio do 15 de setembro, no que se rexistrou máis da metade da chuvia que se acumulou en todo o mes, principalmente na metade sur de Galicia.

 

Outubro foi húmido, con xornadas de precipitación especialmente chuviosas e o número de días de chuvia estivo moi preto da normalidade. Cómpre destacar deste mes, o episodio do 4 e 5, no que a chegada dun río atmosférico propiciou a acumulación de importantes cantidades de precipitación en toda a Comunidade.

 

No caso de novembro, novamente, marcou a tendencia desta estación de outono, xa que resultou moi seco en moitas rexións do territorio galego. Isto debeuse a escaseza de episodios de chuvia persistente e xeneralizada, propios desta época do ano. As frontes que afectaron a Galicia a principio e a finais do mes, chegaron moi debilitadas e o predominio de situacións anticiclónicas deixou máis días dos agardados de tempo completamente seco. As primeiras neves apareceron de forma efémera na xornada do 22 por riba dos 1000.

 

En relación coa precipitación total acumulada este outono, destaca o concello de Fornelos de Montes con case 900 L/m2 e tamén o oeste da Comunidade. A zona máis seca resultou a comarca de Valdeorras, na que nalgúns puntos rexistráronse menos de 50 L/m2. En xeral para Galicia, tendo en conta os valores do mapa, rexistrouse unha media de 337 L/m2.

 

No avance do Informe de outono realizado por MeteoGalicia poden ampliar estes datos e consultar os mapas de precipitación e temperatura relativos á tempada.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar