Cambio ou recambio

Estou admirado da capacidade de rexeneración política que ten o sistema. Os mesmos actores, cos mesmos apoios exteriores, que deseñaron e executaron con grande mestría a chamada transición, están agora a impulsar unha segunda transición que comezou coa abdicación de Xoán Carlos de Borbón como rei.

A aparición de dous novos partidos, Ciudadanos e Podemos,
forma parte deste mesmo proceso rexenerativo que non só troca o bipartidismo por un cuatripartidismo, senón que promove como un dos eixos do debate a «nova política» fronte a «vella
política», sen cuestionar, por exemplo, a monarquía.

Catro partidos en liza permite, nun proceso no que é inevitábel a reforma constitucional (así o recoñecen todos), sacarlle o papel bisagra e decisivo á hora de formar goberno e alianzas aos nacionalismos periféricos.

Ao mesmo tempo, o podredoiro do sistema atopa unha
vía rexeneracionista na que non só entran en disputa uns novos actores políticos, senón unha
nova xeración que até agora vía taponada as súas expectativas
e as súas arelas.

Podemos ven a cumprir o papel do PSOE de finais dos anos setenta (así o di o mesmo Pedro Sánchez), con idéntico razoamento cando defende o dereito a decidir que aquel PSOE que saía en Galiza enarborando a pancarta da autodeterminación. Se daquelas o PSOE adquiriu unha pose radical (sen fondo real, pois xa tiña pactado os eixos da nova Constitución desde 1976) para liquidar ao PCE, Podemos fai agora o mesmo con IU, á par que recolle os movementos de descontentos e antisistema para encarreiralos axeitadamente cara o campo puramente electoral.

E Ciudadanos está chamado a remprazar a un Partido Popular incapaz de rexenerarse e de sol-
tar o lastre co que ven cargando desde o franquismo, como no
seu día lle pasou a UCD.

Instalouse así, co apoio das redes sociais e dos novos medios de comunicación, algúns en mans de vellos actores económicos, non só unha nova linguaxe política, senón un novo xeito de facer política, a política espectáculo.

E xa se fala de «vella e nova política» como se fose algo determinante ou consubstancial, cando Ciudadanos é un partido impulsado polo grande capital, sen democracia interna nin base social. E Podemos é máis caudillista que IU e menos democráticos nas súas estruturas, con idénticos actores. Pero, sobre todo, nun momento de grande crise, a dialéctica dereita-esquerda quedou arromblada pola «vella-nova política».

Se tivera que escoller, preferiría un vello cacique que posúa aquí intereses que defender, que un produto do tecno-marketing…, pero o que se me ven agora á cabeza son aqueles versos de Marica Campo que cantan os de Fuxan: «…xa me poden falar en Madrid con verbas ben fermosas…».

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Ideal Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar