Xantar prepara a 17 edición da feira gastronómica

Xantar_reunión preparatoria 17 edición en 2016

O comité asesor de Xantar 2016 renuníuse para perfilar o programa de actividades da vindeira edición incluíndo tanto ás accións dirixidas a público profesional como a público xeral. A participación de México como país e o Entroido serán os grandes protagonistas da vindeira edición de Xantar, 17º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebrará en Expourense entre o 3 e o 7 de febreiro, precisamente coincidindo cos primeiros días fortes desta festa. México estará representado polo Estado de Morelos e participará en todas as accións da feira (restaurante, showcookings, promoción de turismo e artesanía, etc.) e organizarase un bo abano de actividades vencelladas a promocionar e dinamizar ó Entroido galego.

Participaron nesta reunión do comité asesor unha vintena de expertos procedentes das principais entidades vencelladas ó turismo e á gastronomía de Galicia. Acudiron representantes da Axencia de Turismo de Galicia, da Consellería de Sanidade, do Cluster de Turismo de Galicia, da Cámara de Comercio de Ourense, do INORDE, de ANFACO, dos Consellos Reguladores de Ribeiro, Monterrei e Valdeorras, da Asociación de Sumilleres de Galicia, da Asociación Galega de Turismo Rural-AGATUR, da Federación Galega de Comercio e de distintas asociacións de profesionais da hostalaría e de asociacións culturais e veciñais.

«TÚNEL DO VIÑO»

 

Sobre estes dous eixos xirará Xantar 2016 que terá unha estructura semellante a doutras edicións incluíndo actividades xa consolidadas como o Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde que volverá contar cun completo programa de shoowcookings divididos en dúas aulas gastronómicas. Tamén volverán celebrarse o Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas ou os distintos concursos de cociña para profesionais e afeccionados. Nesta edición, cobrará unha especial relevancia o “Túnel do Viño” que gaña espazo para acoller un maior número de referencias das adegas galegas que poderán ser coñecidas polos visitantes profesionais.

Por outro lado, os obxectivos principais de Xantar 2016 serán o de servir de plataforma para os produtos agroalimentarios de calidade de Galicia, rexións e país convidado, reservando espazos destinados a pequenos produtores, produtos ecolóxicos e artesanais; promoción a Dieta Atlántica; promover a competitividade no sector da hostalaría; poner en valor as festas gastronómicas de Galicia, sobre todo aquelas de Interese Turístico; e dar a coñecer a gastronomía dos distintos camiños a Santiago sen esquecer a cooperación transfronteiriza en materia de turismo e gastronomía.

 

MÉXICO

O Estado de Morelos, situado no centro do país e limítrofe con México D.F., estará presente en todas as accións previstas para esta 17ª edición de Xantar promocionando a súa gastronomía, turismo e produtos agroalimentarios. O slogan turístico deste estado é “Morelos, a primavera de México”. A cociña mexicana está considerada como unha das máis ricas de todo o mundo. Morelos non é a excepción e neste estado pódense atopar restaurantes que serven comida de todos os recunchos do país e do mundo enteiro. A cociña tradicional morelense reúne o mellor do pasado e combínao co presente. É dunha ampla variedade e entre os seus numerosos pratos destacan ademais o pipián verde con carnes ou as famosas “orejitas” en pipián (con cogumelos guisadas), a chacina de ponte de Ixtla e Yecapixtla con queixo, crema e salsa picante, a grellada de Amacuzac, o bagre en mixiotes, os tamales típicos picantes e doces, así como o tamal de mojarra típico de Coatetelco, o clemole vermello de pollo, os frijoles chineses e o puerco en salsa con ciruela criolla típicos de Jojutla de Juárez, o coello e pollo en chileajo, as famosas quesadillas de Tepoztlán de chapulines, flor de cabaza, flor de colorín e demais guisos tradicionais. En todo Morelos as bebidas típicas son o augardente de Zacualpan, o pulque de Huitzilac, os toritos (unha curiosa mestura de alcohol con carne, chile, cebola e tomate), o tepache, mezcal de Palpan e o rompope de Tehuixtla.

 

COINCIDENCIA CO ENTROIDO

A coincidencia no tempo da 17ª edición de xantar e os primeiros días fortes do Entroido en Galicia, levaron á organización a pensar nunha serie de accións para vivir esta festa dende o recinto feiral. Púxose en marcha unha acción especial para animar a participar a aquelas

poboacións nas que esta festa se goza dun xeito especial e tamén se convocou o I Concurso de Disfraces no se poderá participar de xeito individual ou en comparsa (mínimo 4 persoas). Ademais, haberá desfiles diarios dos distintos traxes e máscaras típicas de distintas partes de Galicia e do Norte de Portugal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar