Posta en marcha a vacina de tose ferina en embarazadas

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a posta en marcha da campaña de promoción da vacina de tose ferina en mulleres embarazadas.

Segundo explicou o máximo responsable autonómico, unha vez que as persoas que deben estudar e decidir estes temas, que son os profesionais sanitarios, acordaron que recibir a vacina durante o embarazo é a mellor maneira de previr a enfermidade aos menores de dous meses, o Goberno galego decidiu poñer en marcha esta campaña informativa nos centros de saúde para que o maior número de mulleres posible se vacinen.

Por tanto, a segunda das medidas relacionadas coa infancia enmárcase no eido sanitario, xa que a Xunta é consciente de que unha das cousas que máis preocupa ás nais e pais galegos é a saúde dos seus fillos desde o primeiro momento.

Tal e como apuntou o presidente da Xunta, este asunto é un tema de preocupación dado que esta enfermidade está aumentando nos últimos tempos no noso país e son precisamente os nenos recén nados os que teñen un maior risco de complicacións ata que reciben a primeira dose da vacina aos dous meses de idade.

Segundo indicou, recoméndase vacinar as embarazadas entre as semanas 28 e 36 de xestación, de xeito preferible na semana 32, aproveitando a visita de control do embarazo establecida nas recomendacións da Guía Técnica de Atención ao Embarazo da nosa Comunidade Autónoma.

Así, con eses parámetros, o Goberno galego vai comezar a administrala nas próximas semanas para reforzar a inmunidade materna contra a tose ferina, achegando unha dose de vacina ás embarazadas coa fin de protexer ao recén nado.

 

MÁIS ACTUACIÓNS EN MATERIA DE MATERNIDADE E INFANCIA

Con respecto a isto, Feijóo lembrou que xa a día de hoxe na Consellería de Sanidade hai varias liñas de actuación en materia de atención sanitaria á maternidade e á infancia. Así, trabállase con especial interese nunha maior implantación dos estándares de cesáreas urxentes e programadas en todos os hospitais do Sergas, co obxectivo de rebaixar a taxa de cesáreas o máis posible para axustala ás recomendacións neste ámbito.

Do mesmo xeito, destacou que tamén se potencia, dentro do espazo da Escola Galega de Cidadáns, diversas actividades de formación e información sobre aspectos relacionados co embarazo, a maternidade e a saúde infantil. Ademais, a Xunta está apoiando non só que haxa un calendario vacinal común para o Sistema Nacional de Salud, senón tamén unha maior cobertura das vacinacións infantís mediante a plataforma É Saúde (ferramenta tecnolóxica de personalización de servizos para o paciente, accesible dende calquera lugar e dispositivo -ordenador, móbil ou tablet).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar