Galicia súmase ao pacto sobre cambio climático acordado en París

Beatriz Mato_conselleira de Medio Ambiente_nu cumio climático de París coa delegación española
La conselleira Beatriz Mato participó, junto al resto de la delegación española, en la Cumbre del Clima en París.

   Galicia sumouse ao primeiro pacto sobre auga e cambio climático, acordado no cumio do clima de París, segundo destacou este martes a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, que participou nesta conferencia como parte da delegación española.

O seu departamento, a través dunha nota de prensa, indica que se trata da primeira vez que se subscribe un acordo destas características, que ten como obxectivo principal reivindicar o papel dos organismos de cunca na xestión sostible das políticas públicas de auga e de adaptación aos retos do cambio climático.

No encontro púxose de manifesto, segundo subliña Medio, que o cambio climático ten unha incidencia «cada vez maior nas masas de auga doce e nos seus ecosistemas, especialmente no que se refire a eventos hidrolóxicos extremos, como secas ou inundacións».

Con respecto a este último punto, Mato recordou que o Goberno galego aprobou recentemente un plan de xestión de risco de inundacións para facer fronte a estes fenómenos naturais, unha folla de ruta dotada con case 68 millóns de euros ata 2021.

A consellería explica que o pacto pola auga subscrito por Galicia ten catro obxectivos clave: reforzar o coñecemento das cuncas para aumentar a capacidade de decisión respecto ao cambio climático; adaptar a planificación e xestión da cunca ao cambio climático; reforzar a gobernanza dos organismos de cunca dirixidos a este aspecto e garantir un axeitado financiamento.

LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO

Ademais da novidade que supón este pacto sobre a auga, Mato resaltou outros obxectivos que se marca Galicia para facer fronte ao cambio climático, dende as competencias propias da comunidade autónoma.

Entre outras actuacións, citou a necesidade de «seguir promovendo unha mobilidade máis sostible», unha iluminación pública de menor consumo e edificios públicos máis eficientes en materia enerxética.

Nesta xornada, Mato participou nunha reunión dos representantes do programa rexional sobre cambio climático da rede Iberoamericana, encontro no que se analizaron diferentes iniciativas sobre cambio climático en América Latina e Caribe en colaboración con España.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar