A Agrupación Europea da Eurocidade Chaves-Verín inclúe á Deputación de Ourense no organismo

Baltar_Eurocidades Chaves-Verín

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín ven de incluír á Deputación de Ourense como membro deste organismo, segundo comunicou Gerardo Seoane, director da AECT Eurodicade Chaves-Verín. A participación do goberno provincial neste ente –contemplada no Plan Ourense 15-19 e que estaba prevista para abril de 2016- contribuirá desde agora a potenciar a cooperación transfronteiriza nos ámbitos da cultura, turismo, patrimonio, saúde, protección civil, aproveitamento do territorio e medio ambiente, segundo valorou Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense. Baltar, quen recentemente elixido membro do Consello Mundial de Cidades e Gobernos Locais Unidos, afirma que a cooperación internacional «permite levar a cabo iniciativas innovadoras de ámbito global aplicadas á realidade de cada territorio e a prol da cidadanía».

Manuel Baltar considera que o fortalecemento da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal -da que Ourense é o centro xeográfico-, e sinaladamente da Eurocidade Chaves-Verín, «favorecerá o desenvolvemento de estratexias locais pensadas en clave de colaboración internacional para que poidan ser aplicadas nas contornas provinciais e rexionais».

A inclusión da Deputación de Ourense como membro da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín foi aceptada por unanimidade na Asamblea Xeral Ordinaria da AECT, e a partires deste momento o director deste organismo solicita a constitución dun grupo de traballo técnico para analizar, coordinar e levar a cabo as iniciativas que acorden os distintos integrantes da agrupación. A Eurocidade Chaves-Verín AECT desenvolve proxectos e xestiona infraestruturas e servizos de interese público, ademais de promover a cooperación territorial para reforzar a cohesión económica e social dos municipios de Chaves e Verín.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar