«O país máis grande do Mundo» e «Naqueles tempos», ofertas da TVG

O país máis grande do Mundo_TVG

O espazo “O país máis grande do mundo” entrará de cheo esta noite nunha historia de emigración e cultura galegas: os espectadores coñecerán a familia Palomo, toda de galegos emigrados a Bruxelas, e a súa relación co grupo de folk galego Ialma. No estudio de gravación, estará presente en directo unha profesora de canto moi especial tanto para a familia como para a formación e non faltarán outras sorpresas.

Ademais, a parroquia de Viveiro, en Celanova, acode hoxe a “O país máis grande do mundo” para contar a historia de Sergio Seijas, que montou en Newark (EUA) un dos restaurantes con máis sona da cidade.

No programa desta noite, os espectadores tamén coñecerán como é a vida dunha emigrante galega que, despois de máis de 40 anos en Hamburgo, decidiu volver á Coruña. O espazo da TVG percorrerá con ela os lugares máis importantes da cidade herculina, onde explicará como é a súa nova vida.

O temón do barco levarao, coma sempre, Rodrigo Vázquez, que desde o estudio conectará en directo con máis galegos espallados polo mundo. Así, o programa irá ata a illa da Martinica, no Caribe, e conectará con Shangai ou O Senegal, ademais de falar coa nosa colaboradora camioneira viaxeira do programa, Katy Tráiler, para saber a onde a levou a súa viaxe desta semana.

Todo isto nun programa en rigoroso directo en que a conectividade e interactividade co espectador é unha das premisas, a través dos chíos, comentarios, chamadas telefónicas e de skype que recibirá Olalla Vaamonde desde a súa mesa de conexións de todos os galegos que queiran participar no programa.

 

«NAQUELES TEMPOS»

 

O programa “Naqueles Tempos” comeza hoxe unha triloxía sobre a gaita galega, desde as súas orixes remotas, hai tres milleiros de anos, ata a explosión de gaiteiros e gaiteiras nos anos 90.

Esta entrega do espazo da TVG abranguerá desde as orixes do instrumento ata o inicio da Guerra Civil Española. Os anos escuros do medievo, o rexurdimento, a simboloxía do gaiteiro, a relixiosidade, a festa, etc. son algúns dos argumentos dun programa en que se falará de figuras como Ventosela, Perfecto Feijoo, Santalices e Avelino Cachafeiro, entre outras.

Conducido por Helena Soto e Moncho Lemos, participarán nesta entrega de “Naqueles Tempos” Pablo Carpintero, Hught Cheape, Xabier Blanco, Lorena López Cobas, Xosé L. Foxo, Ana Filgueiras, Xosé A. Durán, Antón Santamarina, Xesús Alonso Montero, Cástor Castro, Anxo Pintos, Xosé M. Rivas Troitiño, Antón Corral, Xosé Ferreirós e Xaime Estévez.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar