Chamamento á doazón de sangue para os accidentes de este mes

Donantes de sangue
O Centro de Transfusión de Galicia (CTG) anima aos cidadáns a acudir a doar sangue ante o previsible incremento da demanda de compoñentes con motivo dos próximos días festivos deste mes de decembro.

Segundo informa o CTG, nas xornadas previas aos festivos reforzará a campaña de doazón que promove xunto coa Consellería de Sanidade «en previsión dun incremento de demanda de compoñentes sanguíneos por parte dos centros sanitarios galegos».

«Lamentablemente os meses de verán, Nadal e pontes festivas adoitan coincidir cun notable incremento da demanda de compoñentes sanguíneos, xa que nestas datas se incrementan as urxencias derivadas dos accidentes de tráfico,», explica o CTG.

Por iso, as dez unidades do Centro de Transfusión de Galicia visitarán entre este mércores e o luns 7 de decembro 35 concellos galegos co fin de «alcanzar a participación necesaria para facilitar o labor asistencial dos centros sanitarios galegos» que, cada día, segundo recorda, «necesitan 500 doazóns de sangue».

DESPRAZAMENTOS

Este xoves día 3 de decembro acudirán unidades móbiles a Ferrol, A Coruña, Arteixo, Santiago, Mazaricos, Ribadeo, A Valenzá, Moaña, Rodeiro, Meis e Pontevedra.

Mentres, este venres unidades desprazaranse a Cedeira, Arteixo, Betanzos, Ribeira, Rois, Viveiro, Verín, Lalín, Cangas e Vigo. Pola súa banda, o sábado acudirán a Betanzos, Ribeira, Viveiro, Cangas e Lalín.

E o luns día 7 haberá unidades móbiles do CTG en Ferrol, Carballo, Laxe, Trazo, Foz, Avión, Carballeda de Avia, Bueu, Vilanova de Arousa e Vigo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar