A Xunta reforza o seu compromiso coas persoas con discapacidade

Feijoo e Rey Varela cos discapacitados

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, participou hoxe en San Caetano nunha xuntanza de traballo coas entidades e federacións que forman parte do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi-Galicia), para por de manifesto o firme compromiso de todo o Goberno galego cos dereitos e integración plena deste colectivo que mañá xoves conmemora o seu día internacional. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; e a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez, tamén acudiron a este encontro en que se abordou o plan de traballo que de cara ao 2016 a administración autonómica levará a cabo conxuntamente con Cermi-Galicia.

Ao remate da reunión, o titular autonómico da carteira de Política Social sinalou en declaracións aos medios de comunicación que “hai moitas maneiras de celebrar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, pero a Xunta e o Cermi coincidimos en que a mellor maneira de facelo é traballando, porque para nosoutros as persoas con discapacidade son unha prioridade os 365 días do ano”. Así mesmo, o conselleiro destacou o papel fundamental do Cermi Galicia “como instrumento fundamental de participación e para darlle voz a este colectivo e ás súas familias, na defensa dos seus dereitos e para conseguir a súa plena integración social”. E, ao fío disto, engadiu que o compromiso da Xunta de Galicia coas políticas sociais e, máis en concreto, con este sector “non queda soamente nas palabras como o demostra o incremento nun 20% da partida económica destinada ás entidades que integran o Cermi Galicia, acadando en 2016 un importe de 3,6 millóns de euros”.

Ademais, Rey Varela explicou que na xuntanza de hoxe repasáronse os pasos que se están dando para o desenvolvemento da Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, a cal foi aprobada no Consello da Xunta do pasado día 5 de novembro. Neste sentido, estanse mantendo reunións con todos os departamentos da Xunta nas que tamén participan representantes do Cermi Galicia coa finalidade de planificar a súa implantación, cun cronograma e con medidas detalladas. Trátase dunha folla de ruta para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade que ten carácter transversal e que responde a seis liñas estratéxicas: accesibilidade, autonomía persoal, educación, formación e emprego, saúde e servizos sociais.

Reunións mensuais

A Consellería de Política Social e as entidades do CERMI pecharon, así mesmo, un calendario de traballo que permita avanzar na implantación desta Estratexia e nas novas liñas de actuación a poñer en marcha, nomeadamente no ámbito da accesibilidade universal. Ao fío disto, a administración autonómica convocará o vindeiro ano novas axudas cofinanciadas con fondos europeos dirixidas á promoción da accesibilidade e a supresión de barreiras. Esta convocatoria, que se activará en colaboración cos concellos, terá carácter plurianual e un orzamento global de 900.000 euros. Estas reunións de seguimento da Estratexia serán mensuais, e o propio conselleiro participará cada tres meses nas mesmas.

O presidente do Cermi Galicia, Anxo Queiruga Vila, amosou a súa satisfacción polo encontro de hoxe e pola asistencia ao mesmo do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, xa que “coincidimos en que as políticas sociais dirixidas ás persoas discapacitadas teñen que ser transversais e, polo tanto, comprometer a todas as áreas do Goberno e non exclusivamente a unha Consellería”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar