Ourense será protagonista, con catro etapas, da «Vuelta a España» 2016

image

Convértese na provincia de máis relevancia nos 72 anos de historia desta proba ciclista ao acoller saídas e chegadas de etapa e tamén o acto de presentación dos equipos.

Baltar, Nava Castro e o director xeral da Vuelta, Javier Guillén, xunto cos alcaldes dos concellos polos que Ourense será a provincia protagonista da «Vuelta a España» 2016 coa disputa de catro etapas en territorio ourensán, que terán como puntos de saída ou chegada os concellos de Cenlle, Arnoia, Nogueira de Ramuín, Castrelo de Miño e a capital ourensá. A provincia ourensá convértese así na de máis relevancia nos 72 anos de historia da «Vuelta» e na que tamén se realizará o acto de presentación dos equipos.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral da Vuelta, Javier Guillén, xunto cos alcaldes dos concellos polos que discorrerá a proba ciclista e co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, presentaron hoxe no Club Náutico de Castrelo de Miño as etapas da provincia de Ourense. «Esta edición poderase chamar a «Vuelta Termal», pola importancia que terá o termalismo nas etapas ourensás, ao que se une a riqueza monumental e paisaxística e vitivinícola da nosa provincia», afirmou o presidente do goberno provincial. O acto contou tamén coa presenza de Pablo Rodríguez Guede, subcampión do mundo de BTT en categoría sub23, e do asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González.

Manuel Baltar expresou que o Plan Ourense 15-19 «ten entre os seus obxectivos o deporte en diferentes ámbitos, entre eles probas de carácter nacional e internacional como é a «Vuelta a España», un evento que xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia configuran as carreiras ciclistas máis importantes do mundo, sendo seguida por máis de 150 países e do que a organización estima que terá un retorno económico mínimo de 1,7 millóns de euros para a provincia de Ourense».

«Fai dous anos a Deputación de Ourense xa apoiara que unha das etapas da Vuelta, a penúltima, que foi decisiva, saíra dun concello ourensán: Nogueira de Ramuín, etapa gañada por Alberto Contador e que posteriormente lle deu o título de campión da Vuelta. Dentro desta estratexia na 72ª Vuelta a España, Ourense será a provincia protagonista desta proba ciclista ao acoller catro etapas: a primeira, a crono entre Laias (Cenlle) e o Parque Náutico de Castrelo de Miño; a segunda, que terá a saída na cidade de Ourense; outra etapa terá como meta a localidade de Luintra (Nogueira de Ramuín), e complétase con Maceda, que será punto de saída da cuarta etapa por terras ourensás. A isto hai que engadir que a presentación dos equipos terá lugar no balneario de Arnoia», expresou Manuel Baltar.

Javier Guillén, pola súa banda, avanzou que o retorno económico para a provincia de Ourense «será de 250.000 euros diarios durante a semana que equipos, persoal da organización, xornalista e visitantes permanecerán na provincia», e destacou que cumprimos «cunha débeda histórica con Ourense e por elo en 2016 será a provincia que terá o maior protagonismo na «Vuelta a España» porque teremos catro etapas nesta provincia e tamén faremos unha presentación oficial en Galicia no vindeiro mes de xaneiro».

A contrarreloxo coa que comezará a Vuelta será o día 20 de agosto e nela os ciclistas percorrerán un total de 28 quilómetros. «Trátase dunha etapa na que buscamos que xa desde o principio se marquen diferenzas entre os competidores para manter desde o comezo o perfil que terá esta edición da «Vuelta» onde a montaña terá un gran protagonismo en canto ao trazado», comentou Javier Guillén, engadindo que coa presenza desta competición en Ourense «pretendemos aproveitar non só a forza deportiva que nos ofrece o terreo senón tamén a forza turística: estaremos no Ourense Termal, nas terras do Ribeiro, na Ribeira Sacra e na capital, cunha notable presenza de visitantes que cubrirán un aloxamento de 3.000 camas, achegando un retorno de 250.000 euros por día durante a semana que estarán nesta provincia».

Finalmente, Nava Castro subliñou a importancia que para a promoción turística de Galicia terá a edición 2016 da «Vuelta» «que estará presente nas catro provincias pero cunha incidencia máis destacada en Ourense para que amosemos o Ourense Termal, o Ourense vitivinícola e o Ourense paisaxístico en monumental», e avanzou que a presentación oficial da «Vuelta a España» 2016 terá lugar o vindeiro 9 de xaneiro na Cidade da Cultural, en Santiago.

A importante repercusión mediática da «Vuelta» contribuirá a destacar a singularidade da provincia de Ourense como un dos destinos termais máis importantes do mundo, destacando o ámbito internacional que acada o termalismo na nosa provincia –centro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal- e os aspectos técnicos, paisaxísticos e de infraestruturas termais que fan de Ourense un dos territorios do mundo con mellores condicións para actividades turísticas, de lecer e terapéuticas neste eido, fortalecido todo elo polo Plan «Ourense, a provincia termal», que desenvolven conxuntamente Deputación de Ourense e Xunta de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar