A obra de Manuel Rodríguez López abrese ao público na Biblioteca provincial de Pontevedra

Manuel Rodriguez López_escritor de Lugo

Hoxe abrirase ao público na Biblioteca Provincial de Pontevedra “Antonio Odriozola” (Alfonso XIII, 3) a exposición da obra do escritor de Paradela, fillo predilecto dese concello, Manuel Rodríguez López, e que da nome á Casa municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se está a celebrar a vixésima edición.
A mostra forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López emprendido por Galicia Digital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia (Secretarías Xerais de Política Lingüística e de Cultura), a Deputación Provincial de Lugo e a Real Academia Galega.
Esta mostra itinerante comezou o seu percorrido na casa da cultura de Paradela para logo expoñerse en Lugo, Begonte, Portomarín, Sarria, Vilalba, Santiago, A Coruña, Barcelona, Madrid, na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, na Biblioteca Anxo Casal de Compostela, na Casa das Palabras de Guitiriz, no Concello de Meira e no Antigo Hospicio do Ferrol.
Está composta por oito paneis dobles, nos que se reflicte de xeito moi gráfico a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Catalunya a maior parte da súa obra, e foi, ademais dun grande animador das actividades galegas en Catalunya, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes no País catalán.
A exposición, que permanecerá en Pontevedra ata finais do mes de novembro, será inaugurada ás 20.00 horas de hoxe nun acto que presidirá o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, e ao que asistirán o Alcalde de Paradela, Xosé Manuel Mato; a viuva do escritor, Irene López, e o Director de Galicia Digital, José Antonio Giz.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto