Un de cada catro fogares galegos atravesa por unha mala situación económica

 

   Un de cada catro fogares galegos atravesa unha mala situación económica, segundo se desprende do módulo específico sobre benestar da enquisa estrutural a fogares que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE), correspondente a 2014.

En concreto, un 25,16% dos enquisados poñen de nota entre 0 e 4 á situación económica do seu fogar, mentres un 41,56% puntúana cun 5 ou un 6. O 27,53% dos consultados outorgan un 7 ou un 8 a este apartado, e o 5,75%, un 9 ou un 10, de forma que a media bota un 5,52 (aprobado).

En canto á valoración media que os galegos fan do grao de satisfacción coa súa vida na actualidade, sitúase en 6,74 puntos, nunha escala que oscila do 0 (nada satisfeito) ao 10 (plenamente satisfeito). Ademais, o IGE destaca que o 59,82% desta poboación puntúa a súa satisfacción coa vida actual en 7 ou máis puntos.

Respecto á nota que os galegos dan á súa vivenda, a media é de 7,18 puntos; ao traballo correspóndelle un 6,71; ao tempo dispoñible para facer o que a un lle gusta un 6,15; e ás relacións persoais, un 7,63.

Os galegos poñen, de media, un 5,95 ás áreas recreativas ou verdes da zona en que viven; e un 7 á calidade da devandita zona; mentres puntúan cun 6,92 o tempo que teñen para ir ao seu traballo e cun 7,42 valoran o que fan na súa vida.

PROBLEMAS

En 2014, o 17,11% dos fogares galegos presentan problemas de ruídos producidos polos veciños ou procedentes do exterior (tráfico, negocios, fábricas,…).

Por outro lado, o 12,09% teñen problemas de contaminación, sucidade ou outros problemas ambientais na zona. Finalmente, o 13,46% dos fogares están situados en zonas con delincuencia ou vandalismo.

RELACIÓNS

O 3,04% dos galegos de 16 ou máis anos non contactó no último mes con familiares que residían fose do fogar. Non obstante, o 44,02% fala con familiares por teléfono practicamente a diario e o 71,3% queda con familiares todos os días ou polo menos unha vez á semana.

Por outra banda, o 10,78% dos galegos de 16 ou máis anos declarou que non quedou nin contactou con amigos (por teléfono ou internet) durante o último mes.

O 4,37% dos galegos de 16 ou máis anos non teñen a ninguén con quen falar de temas persoais e o 2,38% non ten a ninguén (familiares, amigos ou veciños cos que non conviven) a quen lle poida pedir axuda se a necesitase.

SAÚDE

O 57,33% da poboación residente na comunidade autónoma considera o seu estado de saúde como bo ou moi bo. A valoración do estado de saúde varía en función da idade do entrevistado.

Así, entre a poboación de 30 a 44 anos solo o 3,23% considera a súa saúde como mala ou moi mala mentres que para os galegos de 65 ou máis anos esta porcentaxe sobe ata o 21,84%.

Para o 62,62% da poboación galega de 16 ou máis anos, a saúde non supón ningunha limitación para realizar as actividades habituais. Non obstante, o 24,21% manifesta que se atopa limitado pero non de forma grave e un 4,75% está gravemente limitado.

RENUNCIA A MÉDICO OU DENTISTA

O pasado ano, 438.017 residentes en Galicia de 16 ou máis anos manifestaron que necesitaban consultar un médico ou dentista e que non o fixeron no último ano.

O principal motivo que sinalan é que resulta demasiado caro (47,63%, un total de 208.620 galegos). Outra das razóns que aducen (o 16,85%) é que non dispoñían de tempo debido ao traballo ou outras obrigas.

SEGURIDADE

Algo máis de 237.000 galegos de 16 ou máis anos manifestan que sufriron un roubo nos últimos 5 anos, o que supón en torno ao 10% da poboación galega nese grupo de idade.

A porcentaxe dos que sufriron unha agresión física sitúase no 1,69%. Por outra banda, case 300.000 galegos, o 12,63%, sentíronse enganados pola compra dun produto ou servizo.

O 19,63% da poboación residente en Galicia de 16 ou máis anos manifesta que se sente un pouco insegura cando camiña soa de noite pola zona en que vive e un 7,63% asegura que se sente moi insegura. Pola contra, 526.035 galegos (o 22,46%) afirma que senten moi seguros nesta situación.

CONFIANZA

Cando se lle pregunta aos enquisados polo seu nivel de confianza nas persoas, a puntuación media que asignan aos seus familiares é de 8,42 puntos.

O 57,07% dálle unha puntuación de 9 ou 10 puntos. A valoración media da confianza nos amigos é de 7,64 puntos, mentres que para a maior parte das persoas a confianza baixa ata 5,75 puntos, nunha escala de 0 a 10.

Respecto a institucións, as que alcanzan unha maior puntuación son o sistema sanitario e as forzas e corpos de seguridade, con valores próximos aos 6 puntos.

No outro extremo atopan o sistema político, cunha confianza media de 1,8 puntos, a banca con 2,39 puntos sobre un máximo de 10, e o sistema xudicial, con 3,3.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar