As mágoas nacionalistas

(A Neira Vilas)

Se eu fose un dirixente político collería prestado para a miña organización dúas ideas dos anuncios de Gadis: «Vivamos como galegos» e «sintamos como galegos».

Ese sería todo o meu programa político. E chegaría para mudar a situación política, económica e social. Chegaría para deixar de pensar e obrar coma colonizados e comezar a pensar e obrar coma persoas libres, con ideas propias e con feitos nosos, por nós, e para nós.

Si, seríamos nós…, e chegaría. Nin mellores nin peores. Nós somos nós e eles son eles.

Para entrar na miña organización, os aspirantes a militantes terían que participar nuns seminarios, como sempre fixeron as organizacións políticas serias, nos que lles explicaríamos eses dous principios fundamentais: «sintamos coma galegos, vivamos coma galegos».

A reciclaxe para aqueles que se din nacionalistas, sería intensa e extensa, pois, contrariamente ao que predican, hai ben deles que non cren nos principios que deben sustentar a súa ideoloxía.

Moitos non acreditan nas nosas potencialidades como país, nin na autoorganización… E aínda pensan que a culpa é do nacionalismo e dos seus partidos. Si, moitos teiman en afirmar, unha e outra vez, non se lles escapa, non, que a situación de Galiza é a que é por culpa das organizacións nacionalistas.

– Pero se nunca gobernaron. Nunca tiveron capacidade real de decisión…

Por iso, neses seminarios, explicariámoslles que en Galiza non existiu, por exemplo, un decreto de restauración autonómica, coma en Cataluña e máis Euskadi. Que as autonomías vasca e catalá se reconstruíron cos nacionalistas no goberno e aquí coas forzas estatais. Que aquí o nacionalismo histórico, ou «piñeirismo», apostou polo apoio ás forzas sucursalistas. Que desde a embaixada americana se decretou a desaparición do PSG e a entrega do seu capital político, comezando polas siglas, ao PSOE. Que non se legalizaron as organizacións políticas UPG e AN-PG, até catro anos despois que ERC e HB, pola presión do PSOE e PCE. Que aquí non houbo Guerra Civil, pero si unha feroz represión, sen fronteira pola que fuxir. Que Fraga e Felipe González pactaron xa no 1976 o papel que ía ter Galiza como autonomía secundaria no Viso, na casa de Miguel Boyer. E que, desde aquelas, desde Madrid cumpriron o pacto para que Galiza estivese gobernada por forzas estatais. Que llo digan a González Laxe! Que na primeira restauración Borbónica, as elites galegas trocaron poder político en Madrid pola nosa estrutura produtiva…

– Si, pero esas son desculpas. Se o nacionalismo nunca gobernou é porque está pechado nas súas esencias.

Si, a maioría, mesmo algúns que se din nacionalistas, son galegos, pero pensan e viven coma forasteiros.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar