Xavier Queipo faise co Premio de Novela «Blanco Amor»

XAbier Queipo gaña o Premio de Novela Blanco Amor_2015

A XXXIV edición do premio de novela longa «Eduardo Blanco-Amor» que organiza a Deputación de Ourense, outorga o premio á obra Os Kowa de Xavier Queipo. O ditame do xurado deuno a coñecer esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acompañado polos membros do xurado Luis González Tosar e Bieito Iglesias, escritores; Malores Villanueva, profesora, e os críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas.

Rosendo Fernández asegurou que este premio “amosa o compromiso que ten a institución provincial coa difusión e posta en valor da figura de Blanco-Amor, o autor que inmortalizou Auria na súa obra”.

O premio ten unha dotación económica de 12.000 euros, outorgándoselle asemade ao premiado unha obra do escultor ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.

Os Kowa é “unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonia cun trasfondo de diálogo de identidades culturais de respecto pola diversidade e pola natureza. Está narrada con brillante oficio e dela destaca a súa calidade”, afirmou Malores Villanueva, secretaria do xurado.

Xavier Queipo, natural de Padrón e residente en Bruxelas é un novelista de longa traxectoria dentro da literatura galega.

Luis González Tosar, como portavoz do xurado, destacou a gran satisfacción do xurado “pola participación e a calidade das obras presentadas”, e engadiu “agradecer á Deputación de Ourense por ter organizado o certame na presente edición”.

No pasado ano 2014, cando se cumprían 35 anos do pasamento de Blanco Amor, a Deputación de Ourense asumiu o compromiso de exaltar a figura deste autor, polo que, entre outras accións, decidiuse asumir a organización deste premio literario, e a creación dunha fundación co nome do escritor para a difusión e valorización da súa obra.

A entrega do premio levarase a cabo nun acto literario que se celebrará o vindeiro 1 de decembro, data na que se cumpren 36 anos do pasamento de Blanco Amor. A xornada comezará cunha ofrenda floral diante da campa de Blanco Amor, no cemiterio de San Francisco, organizada polo Centro Pen de Galicia, e culminará coa entrega do premio.

No transcurso do debate do xurado para deliberar o ditame do premio coñeceuse a nova do falecemento do ilustre escritor Xosé Neira Vilas, polo que Luis González Tosar afirmou que a mellor maneira de honralo hoxe “é traballando como estabamos aquí, a prol da literatura de Galicia, pola que el loitou durante os seus 87 anos de vida”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar