Marlene Mourreau e Los Chunguitos, hoxe, no «Luar» da TVG

Marcel Morreau

 Como cada venres, a música, o espectáculo, o humor e a diversión serán protagonistas na TVG cunha nova edición do programa “Luar”, que hoxe recibirá a visita de Los Chunguitos, un dos grupos históricos do panorama da música española, cunha carreira musical de máis de 30 anos. Juan e José serán hoxe protagonistas dun momento único na televisión, xa que interpretarán o seu coñecido “Dame veneno” coas Cantareiras de Ardebullo, que esta noite regresan ao programa.

Tamén pasarán nesta edición polo escenario de “Luar” a explosiva cantante e actriz francesa Marlene Mourreau, o grupo Samba e a Agrupación Folclórica A Volta do Agro, de Lugo.

Á marxe da música, o tema que vertebrará esta semana o programa é o boxeo feminino. O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Sonia Noguerol contará coa presenza no estudio da boxeadora galega Marta Brañas, alcumada “La Potrilla de Arteixo”, que comezou a boxear hai 12 anos, proclamouse campioa de España amateur en 2006 e o pasado febreiro asinou o seu primeiro contrato profesional nos EE.UU. Brañas disputará o vindeiro 4 de decembro na Coruña o primeiro Campionato de España Profesional.

Polo demais, seguirán o seu curso os concursos “Vai de Gaita”, coa participación de Rafael e Omar; e “Recantos”, que hoxe comeza a súa segunda fase, con 16 concursantes en liza. Os primeiros en actuar serán Pau, da Costa da Morte, e Mario Fernández, representante da comarca Terras de Lugo. E todo isto sen esquecer que “Luar” ten xa acumulados 2.000 € no bote do concurso telefónico.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar