Conmoción e información

Quixera compartir humanidade e non medo. Reflexións e non consignas. Humanidade con todos os mortos. Cos de París, pero tamén os do Líbano, Siria, Irak ou os africanos.

Si, eu tamén estou en guerra, pero a miña guerra non é a de Hollande, a de Sarkizy a de Bush ou a de Aznar. Si, eu estou en guerra contra os que venden as armas, contra os que bombardean aos inocentes, contra os que financian o terrorismo, contra os que poñen bombas e disparan contra civís.

Pero eu non son París e a guerra que predica o «socialista» Hollande vai tamén contra min. Cando afirma «que o terrorismo quere silenciar a sociedade aberta e democrática», difunde unha grande mentira. O mesmo que Aznar ao defender que os estados de excepción «son o prezo que debemos de pagar pola defensa da liberdade».

Declaran a guerra porque as guerras non admiten disidentes ou ponderacións. Calquera non afecto convértese en traidor ou en cómplice. Xa se ve, o primeiro que fan é limitar os dereitos civís, comezando pola reforma constitucional. ISIS gaña!

Cando se bombardean poboacións con avións non se está a defender a liberdade dos occidentais, senón que se está a atacar o proceso de civilización.

Os medios de comunicación satúrannos de sensacións, de horror, de medo, dunha solidariedade que é boa para as vítimas, que teñen o seu dereito a recibir, pero na que se envolve unha recesión democrática nun envoltorio tricolor e no cántico da Marsellesa.

A dor é unha oportunidade para xustificar blindaxes identitarios: só hai unha grande Francia e non se recoñecen as diferencias nas comunidades, como por exemplo na Grande Bretaña.

Avanzamos cara un estado de excepción permanente en Europa, cara a perda dos principios democráticos que afirman nos son consubstanciais.

O campo de actuación para acabar co terrorismo (saquémoslle o apelido de islámico, pois a relixión ten moi pouco que ver, son os intereses xeoestratéxicos), non é a intervención militar, senón a diplomacia, os fluxos comerciais, os financeiros, de cooperación.

Os conflitos no Oriente Próximo veñen provocados polos poderes coloniais seculares e pola utilización das potencias duns estados que crearon logo, ad hoc, para defender eses mesmos intereses.

No ano 2011, no que chamaron a Primavera Árabe, a OTAN, directamente, ou apoiando aos seus ditadores de sempre, cortou todas as ansias de democracia e liberdade, secuestrando ou facendo descarrilar aqueles movementos emancipadores e foi ela a que comezou a guerra en Siria.

Pero só a democracia nos pode librar do terror e do medo. A guerra é a negación da democracia.

Cando queiras entender o presente, pregúntate pola pasado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar