Rico, en tres aspectos

En Galicia, segundo a cartografía dos apelidos, elaborada polo Instituto da Lingua Galega da Universidade, hai 167.776 persoas que apelidan López, bastantes menos das que apelidan Rodríguez, que son 236.756. E, hai un só Juan López Rico, o amigo xornalista de toda a vida, un home da raia co mar Cantábrico, de Ribadeo do extremo, do linde con Asturias, de preto da praia das Catedrais, esa mestura de natureza, pedra e penedos, mar e arte. É de alí, pero vive e traballa en Compostela, a onde veu polo camiño de Madrid.

Foi delegado da Axencia EFE, redactor de tódalas seccións, narrador de feitos, con moderación, sobriedade e continencia, e agora, voluntariamente, vaise da rúa do Vilar para atender en exclusiva dúas das súas afeccións: o humor gráfico e o Aikido, que practica dende os primeiros anos da década dos oitenta. Xubílase sabendo que, como di Kapuscinski, o traballo dos xornalistas non consiste en pisar as cascudas, senón en acender a luz, para que a cidadanía vexa como as cascudas corren para o agocho”.

Juan é rico, cando menos, en tres aspectos: de apelido, de humanidade e de sabedoría. As súas crónicas foron nos teletipos ás redaccións dos medios máis importantes das catro provincias de Galicia, con temáticas distintas. Unhas eran de política, outras de medio ambiente, de ciencia, de cultura, de agricultura, de mar, terra e aire, incluso algunhas delas de silencio, utilizando a pluma, efectivamente, como unha lanterna. Foi o seu un traballo serio e rigoroso, como corresponde aos principios dunha Axencia que quere manter ou, se cabe, agrandar a reputación e o prestixio que lle ven de atrás.

O xornalista seguirá co foco na man alumeando e farao con liberdade, a través desa querenza que ten no humor gráfico, sen esquecer que, precisamente, o humor é un elemento esencial na comunicación, capaz de reducir as tensións e de minorar o efecto negativo das mensaxes, cando sexa o caso. «Hai que poñerlle graza a tanta desgraza», di o colega e amigo, que se inspira con moita frecuencia na acción ou actuación dos políticos e das políticas. O inconformismo e a rebeldía son dúas características que definen a súa personalidade como artista. Non está nada mal!

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar