O líder dos populares galegos afirma en Pontevedra que Galicia xa recobrou a esperanza

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou esta tarde que nestas eleccións non fai falta empregar ningún discurso do medo porque este país xa recobrou a esperanza e o futuro.

O líder dos populares galegos participou no acto de presentación da candidatura dos populares pola provincia de Pontevedra para o Congreso e o Senado con motivo das vindeiros eleccións xerais. Alí, lembrou que custou moito chegar ata o punto no que nos atopamos e animou a seguir avanzando.

Nesta liña, asegurou que as listas tratan de representar un pobo que leva anos loitando contra a crise, ao igual que os candidatos que as compoñen. Así, o mandatario recordou o importante labor levado a cabo para que o esforzo da xente non se volvera desperdiciar e puxo en valor o traballo realizado por todos os deputados e senadores.

Para o presidente do PPdeG, as listas dos populares contan con renovación grazas a persoas decididas a involucrarse e á xenerosidade dos que dan paso ás novas incorporacións. Ao mesmo tempo, fixo fincapé en que os populares tamén renovan as listas con solidez, experiencia política e experiencia de xestión.

Así, Feijóo apuntou que a unidade que non acadaron a esquerda e o nacionalismo atópase nas listas do PP xa que, por riba de personalismos e nomes propios, os populares si teñen unha idea e un proxecto de país.

 

GARANTÍA DE ESTABILIDADE

 

Alberto Núñez Feijóo sinalou que nas listas do Partido Popular hai certezas de gobernabilidade posto que forman equipos para gobernar, para xestionar e para facer que as prioridades políticas sexan as mesmas que as da xente: o emprego e a economía.

Como engadiu o líder dos populares galegos, todo o mundo sabe que se o PP gaña as eleccións, ao día seguinte dos comicios Rajoy gobernará, tomará decisións e o país seguirá pola senda do crecemento. Pola contra, ninguén sabe qué sucedería con calquera dos outros candidatos.

Ademais, aproveitou a súa intervención para recordar que a España lle foi mellor con Rajoy que con Zapatero, posto que os populares taparon os buracos económicos que deixou; despexaron o risco de rescate; e lograron que a economía volva crecer e que se volva a crear emprego. Con respecto a isto, dixo que, malia que hai socialistas que recoñecen isto, descoñece socialistas que sexan capaces de dicir en qué é mellor Pedro Sánchez que Zapatero.

 

UNHA MAIORÍA AMPLA

Para Feijóo, os populares teñen un proxecto co que España xirou e que teñen que culminar e advertiu de que perder a estabilidade destes anos de ter un goberno con capacidade de decisión é un retroceso que o país non se pode permitir.

Con respecto a isto, o presidente indicou que os populares non poden conformarse co que din as enquisas sobre que o PP será o primeiro partido pois eles non poden conformarse con resultados que outros partidos celebrarían con euforia.

Segundo Feijóo, o PP ten que seguir mellorando para conseguir unha maioría ampla posto que é boa para a estabilidade do país. Así, non poden simplemente gañar senón que teñen que garantir a gobernabilidade en beneficio dos españois e, por iso, teñen que traballar para que a súa maioría sexa o máis ampla posible.

Xa para concluír a súa intervención, o líder do PPdeG salientou que os populares teñen feitos, experiencia, ganas, ilusión e un gran equipo e candidatos que non deixará de mostrar que hai unha guía para continuar pola dirección necesaria.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar