Feijóo: “O derbi vaino gañar Galicia”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que, independentemente de cal sexa o resultado, “o derbi vaino gañar Galicia”. Así o manifestou durante a presentación do anuncio ‘Imposible sen ti’, que se impulsou con motivo do encontro que disputarán Deportivo e Celta o vindeiro sábado.

O mandatario galego subliñou o impacto positivo deste partido na sociedade galega, que soubo aprender dos erros do pasado para celebrar o noso derbi como se merece, cunha gran festa. “Este derbi ten que saír ben e temos o 100% de seguridade de que vai saír ben”, afirmou.

Nesa liña, o titular da Xunta destacou que o sábado convivirán en todo o país bandeiras e bufandas do Depor e do Celta, branquiazuis e celestes, porque esas “son as cores da Galicia”, dixo.

Durante a súa intervención, o presidente tamén quixo poñer en valor a colaboración dos clubs para transmitir unha mensaxe de unidade como a que se reflicte en “Imposible sen ti”. “Gustaríame que na televisión se puidesen emitir moitos máis spots coma este”, reivindicou, despois de lembrar que na maioría das familias galegas se producen imaxes como as que aparecen no vídeo.

Finalmente, Feijóo tamén agradeceu a súa presenza no acto aos xogadores de ambos os dous equipos, Álex e Sergio, sen os que o derbi sería imposible. Ademais deles, o presidente quixo destacar o pobo galego como o outro gran protagonista do partido. “Sen os galegos no habería derbi”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar