O selo Ternera Gallega buscará novos mercados en Centroeuropa

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega centrará os seus esforzos no futuro no eido das exportacións. En concreto, os responsables deste selo de calidade traballarán en accións de promoción no mercado centroeuropeo en xeral e alemán en particular. Así llo transmitiu esta mañá o presidente da IXP Ternera Gallega, Jesús González, ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, con que se reuniu en San Caetano, nun encontro ao que tamén asistiu a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Ao remate do encontro, a titular de Medio Rural valorou os datos “moi positivos” rexistrados por Ternera Gallega nos últimos exercicios e destacou que a carne certificada con esta etiqueta de calidade comercialízase xa en 1.336 puntos de venda, coa posta vista en incrementar as súas cifras de exportación.

Ángeles Vázquez amosou o apoio do Goberno galego ao traballo desta IXP tanto no que atinxe á apertura de novos mercados como no referente aos seus proxectos de futuro para impulsar o sector cárnico galego. Neste contexto enmárcase a iniciativa de creación dunha IXP para a vacún maior (carne de vaca, boi e xovenca) e dun Consello Regulador de “Carnes de Galicia” que ampararía este selo e o de Ternera Gallega baixo un mesmo paraugas.

 

FAVORABLES RESULTADOS

Na xuntanza puxéronse de manifesto tamén os bos resultados de Ternera Gallega no 2014 e as favorables perspectivas para 2015. Así, segundo lle comunicou o máximo responsable da IXP ao presidente da Xunta e á conselleira, está previsto que en 2015 se rexistre un incremento da carne amparada por este selo de arredor do 2%, o que supón uns 400.000 kg máis de produto que no anterior exercicio. No 2014 comercializáronse baixo o amparo desta IXP máis de 18.600 toneladas de carne, o que supón un incremento do 8% con respecto a 2013.

V O titular do Goberno galego, Alberto Nœ–ez Feij—o, acompa–ado pola conselleira do Medio Rural, çnxeles V‡zquez, manter‡ unha xuntanza co presidente do Consello Regulador da Indicaci—n Xeogr‡fica Protexida Ternera Gallega, Jesœs Gonz‡lez V‡zquez

O informe da IXP referido ao exercicio 2014 reflicte tamén que o número de tenreiros rexistrados superou as 120.000 cabezas, cun medre do 4,6% en relación ao ano anterior. Creceu ademais nun 4,6% o número de canais certificados, que se situou en máis de 85.000. E o valor económico en primeira venda da produción amparada pola IXP superou os 108 millóns de euros, un 9,5% máis que en 2013.

O documento recolle que o número de explotacións inscritas na IXP incrementouse nun 4% con respecto ao ano anterior, situándose nas 7.670. Así mesmo, medrou a cifra de industrias inscritas, que quedou en 82 (no 2013 había 75).

O consumo de Ternera Gallega repártese entre Galicia (45%), o resto de España (54%) e a exportación (1%), rexistrándose un incremento significativo no 2014 en Castela León. Neste sentido, cómpre destacar que este selo significa arredor do 52% da carne que se comercializa en España con IXP. Ademais, segundo varias enquisas, é a carne máis valorada polos consumidores.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar