Feijóo afirma que nas listas do PP está a unidade que non a acadou á esquerda

Feijóo en Arzúa xunto ao candidato Suso García Rodríguez. 12 de maio de 2015

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que nas listas do Partido Popular está a unidade que non acadaron a esquerda e o nacionalismo porque hai unha idea e un proxecto de país.

Así se expresaba o líder dos populares galegos esta tarde no acto de presentación da candidatura dos populares pola provincia da Coruña para o Congreso e o Senado con motivo dos vindeiros comicios xerais.

Como engadiu, ambas listas tratan de representar un pobo que leva anos loitando contra a crise, ao igual que os candidatos que as compoñen. De feito, Feijóo quixo poñer en valor o traballo de todos os deputados e senadores na lexislatura máis difícil e, neste senso, destacou especialmente a traxectoria de María Jesús Sáinz.

Segundo destacou o presidente do PPdeG, as listas dos populares contan con renovación grazas a persoas decididas a involucrarse e á xenerosidade dos que dan paso ás novas incorporacións. Así mesmo, fixo fincapé en que os populares renovan as listas con experiencia política e experiencia de xestión.

Por outra banda, Feijóo apuntou que o PPdeG é un partido que vai máis aló de estrelatos televisivos, xa que, por riba de personalismos e nomes propios, ten un proxecto político e un proxecto de país.

 

GARANTIR A ESTABILIDADE

 

O líder dos populares galegos asegurou que nas listas do PP hai certezas de gobernabilidade posto que forman equipos para gobernar, para xestionar e para facer que as prioridades políticas sexan as mesmas que as da xente: o emprego e a economía.

Como engadiu Feijóo, todo o mundo sabe que se o PP gaña as eleccións, ao día seguinte dos comicios Rajoy gobernará, tomará decisións e o país seguirá pola senda do crecemento. Pola contra, ninguén sabe qué sucedería con calquera dos outros candidatos.

Na mesma liña, lembrou que a España lle foi mellor con Rajoy que con Zapatero, posto que os populares taparon os buracos económicos que deixou; despexaron o risco de rescate; e lograron que a economía volva crecer e que se volva a crear emprego. Con respecto a isto, sinalou que hai socialistas que recoñecen isto pero afirmou descoñecer socialistas que sexan capaces de dicir en qué é mellor Pedro Sánchez que Zapatero.

O OBXECTIVO: UNHA MAIORÍA AMPLA

O presidente do PPdeG apuntou que nestas eleccións non fai falla empregar ningún discurso do medo porque este país xa recobrou a esperanza e o futuro. Con respecto a isto, lembrou que custou moito chegar ata este punto e animou a seguir avanzando neste eido.

Segundo sinalou, os populares teñen un proxecto co que España xirou e que teñen que culminar e advertiu de que perder a estabilidade destes anos de ter un goberno con capacidade de decisión é un retroceso que o país non se pode permitir.

Con respecto a isto, Feijóo indicoulles aos alí presentes que os populares non poden conformarse co que din as enquisas sobre que o PP será o primeiro partido: os populares non poden conformarse con resultados que outros partidos celebrarían con euforia.

Baixo o seu punto de vista, o PP ten que seguir mellorando para conseguir unha maioría ampla posto que é boa para a estabilidade de España. Por tanto, non poden simplemente gañar senón que teñen que garantir a gobernabilidade en beneficio dos españois e por iso teñen que traballar para que a súa maioría sexa o máis ampla posible.

Neste senso, o presidente do PPdeG destacou que os populares teñen feitos, experiencia, ganas, ilusión e un gran equipo para aspirar a dito obxectivo.

 

CONDENA DO TERRORISMO

Na súa intervención, o presidente dos populares galegos reiterou a súa condena ao terrorismo e trasladou a solidariedade do partido ao pobo francés. Do mesmo xeito, puxo en valor o feito de contar cunha democracia como a do noso país, que establece unhas regras de convivencia pacífica e uns valores de tolerancia e sentido común e, neste senso, amosouse convencido de que serán os que rematen por vencer.

Nesta liña, o líder do PPdeG puxo en valor a resposta firme do Goberno de España e saudou a actitude de partidos como o PSOE e Ciudadanos, por riba das diferenzas políticas que poida haber.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar