Encontro de Política Lingüística en Santiago

Martiño Noriega_curso normalización lingüística

O alcalde abríu o Encontro de Política Lingüística Municipal, que organiza a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua no Auditorio de Galicia. Na súa intervención, Martiño Noriega reivindicou o papel de Compostela como capital da lingua, «o noso máis prezado ben colectivo, aquilo que nos une como galegas e galegos».

O rexedor lembrou que Santiago, como capital do país, ten que ter iniciativa para abrir novas etapas, tamén no que ten que ver coa lingua. Nese sentido, lembrou a histórica declaración de alcaldes de maio de 1984 onde se marcaron os compromisos da Administración local en materia de lingua, e tamén a constitución, nos anos 2000 e 2001, do Consello Municipal para a Normalización, que iniciou o deseño do que foi o primeiro plano de normalización lingüística dun concello galego.

Nesa liña, Martiño Noriega amosou o seu desexo de que Compostela «volva exercer, igual que neste pasado recente, e abrir as portas da nosa casa para que desde hoxe poidamos traballar, conxuntamente e mancomunadamente, para construír ese novo discurso que o galego precisa». Para o alcalde, é preciso «actualizar o noso entusiasmo, traballar en rede e reforzar a colaboración entre todos os concellos», para ser «esa primeira pedra do novo futuro que queremos construír para a lingua». Noriega insistiu en que «as administracións locais non debemos colocarnos de perfil porque a lingua tamén é da nosa competencia».

IMPULSO AO GALEGO

O Encontro de Política Lingüística Municipal celebrado hoxe tiña como obxectivo actualizar o entusiasmo e o discurso a prol da lingua galega emitido e difundido dende os concellos, activar a implicación das administracións locais no proceso de normalización lingüística e establecer pautas comúns nesta materia. Despois da intervención do alcalde compostelán, tomou a palabra o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, Nel Vidal Barral.

O Encontro continuou cunha primeira mesa de debate, conducida pola xornalista Fernanda Tabarés, na que participaron o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; a concelleira de Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre; a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero; o alcalde da Estrada, José López Campos; e o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña.

A xornada completouse coas intervencións dos técnicos de normalización lingüística dos concellos de Carballo, Ames, Ourense, Pontevedra e Compostela, que puxeron sobre a mesa algúns proxectos colaborativos para o fomento do galego. En concreto, presentaron iniciativas relacionadas cos clubs de debate, para a socialización da infancia en galego e para o fomento de youtubers na nosa lingua.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar