Galicia salienta en Bruxelas a importancia da cooperación na crise dos refuxiados

Bruxelas_crise da inmigración Balcans_Jesus Xesus Gamallo

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en Bruxelas na sexta e última reunión do ano da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité das Rexións europeo (CdR).

Neste encontro debateuse un documento de traballo para a elaboración dun ditame sobre a estratexia de ampliación da UE, que se prevé someter a votación na sesión plenaria de abril. Este documento, ademais da situación dos países candidatos á ampliación, recollerá os novos retos que supón a actual crise de refuxiados que afecta a países candidatos como Turquía e os países dos Balcáns occidentais. Na reunión tamén se atribuíu a elaboración de dous novos ditames, un sobre a protección dos refuxiados na súa rexión de orixe e un segundo sobre os mecanismos rexionais e locais para combater a radicalización e a violencia extremista.

 

ESTRATEXIA DE AMPLIACIÓN DA UE

 

 

A actual axenda de ampliación da UE comprende a Turquía e aos países dos Balcáns occidentais. As negociacións de adhesión con Turquía están abertas dende 2005 pero avanzan moi lentamente. No caso dos Balcáns, as negociacións con Montenegro existen dende 2012 e con Serbia dende 2014. Pola súa banda, as negociacións coa Antiga República de Macedonia – país candidato dende 2005 – están estancadas. Albania recibiu o estatus de país candidato en 2014 e está inmersa nunha serie de reformas antes de que a Comisión poida recomendar que se abra o proceso de negociación da adhesión. O Pacto de Estabilización e Asociación – o marco que regula a relación destes países coa UE – con Bosnia Herzegovina púxose en marcha o pasado mes de xuño e con Kosovo en outubro.

Nunha serie de informes que elabora a Comisión Europea sobre o estado das reformas nestes países publicados este mes, identifícanse os retos que aínda teñen que afrontar para cumprir os requisitos de pertenza á UE. No actual contexto, coa crise dos refuxiados que vive Europa, faise indispensable a cooperación con estes países, que teñen sido seriamente afectados por esta crise. No caso de Turquía, o seu territorio acolle a máis de dous millóns de refuxiados sirios.

No cumio europeo sobre migración celebrado en Valleta, Malta, a semana pasada fíxose balance da situación actual da crise de refuxiados dende a pasada reunión de xefes de Estado e Goberno do 14 de outubro. As novas medidas inclúen un novo fondo fiduciario de emerxencia para abordar as causas da inmigración irregular en África, o reforzamento da Axencia Europea de Control de Fronteiras (Frontex) e da aplicación das regras de asilo e a decisión de celebrar un novo cumio dos 28 Estados membros con Turquía antes de que acabe o ano.

Nesta reunión de CIVEX aprobouse o seu programa de traballo para 2016 que, en paralelo ao traballo da Comisión Europea, centrarase na loita contra o terrorismo internacional, na protección das fronteiras da UE, a migración, a revisión das regras de asilo e a política de veciñanza e ampliación.

Este último encontro do ano acolleu tamén o diálogo anual da Axencia Europea para os Dereitos Fundamentais (FRA polas súas siglas en inglés) sobre o reforzamento dos sistemas de protección da infancia na UE, así como un seminario específico sobre a estratexia de ampliación que se celebra esta tarde.

A comisión CIVEX do Comité das Rexións
A comisión CIVEX do Comité das Rexións (CdR) encárgase de temas como a cidadanía activa, a política de inmigración ou as relacións exteriores. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi reelixido en febreiro como portavoz na comisión CIVEX para este novo mandato do CdR que rematará en 2020.

Neste mandato, Galicia participa nas comisións NAT e CIVEX do Comité das Rexións (CdR). O CdR é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar