A serie «Hospital Real» despídese na TVG cun episodio moi agardado

TVG_serie Hospital Real

Coa entrega desta noite de “Hospital Real” remata a primeira temporada da serie de ficción de época da Televisión de Galicia coa que os espectadores galegos puideron gozar coa interpretación dun elenco de actores de excepción, dos decorados naturais e coa rigorosidade histórica que se levou a cabo en cada unha das entregas e que fixeron posible unha produción moi coidada ao detalle.

Hoxe todos os membros do Hospital Real serán pezas de xogo nos taboleiros das vinganzas de cada un deles. Será unha noite en que se desvelarán segredos, haberá máis ameazas e reproches ca nunca e tamén moita acción. Un trepidante e emocionante capítulo que de seguro manterá en vilo os espectadores da Televisión de Galicia.

Sen dúbida, un dos grandes potenciais de “Hospital Real” é o elenco de actores que fixeron posible esta serie coral, entre o que se atopan caras tan coñecidas para o público como son Antonio Durán “Morris”, Francis Lorenzo, Nerea Barros, Javier Gutierrez, Sonia Castelo, Carlos Blanco, Miguel de Lira, María Vázquez, Pedro Alonso, Susana Dans, Xúlio Abonjo, Xosé Barato, Camila Bossa, Pedro Freijeiro, Víctor Duplá, Mariña Sampedro, Tamara Canosa, María Roja e Luís Zahera.

As historias de “Hospital Real”, escritas por Carlos Portela e Lidia Fraga, están ambientadas a finais do século XVIII e baseadas no que hoxe en día é un hotel de luxo, o Hostal dos Reis Católicos, antigamente un dos principais hospitais de España. As tramas preséntase como una mestura perfecta de amor, misterio e melodrama e nelas a medicina e a historia da época xogan un papel importante.

 

NAQUELES TEMPOS

 

Os espectadores de “Naqueles Tempos” verán este martes como o inicio da democracia trouxo tamén a irrupción dunha xeración de mozos e mozas que intentaron ir máis alá nas súas formulacións ideolóxicas e vitais. Moitos coincidiron na Universidade de Santiago, procedentes de toda Galicia e foron elemento activo dunha cidade que naqueles tempos era unha festa. Foron os mozos da Transición, do pasotismo e do desmando.

A música de Luís Emilio Batallán e de Amacio Prada será o pano de fondo para as historias desta entrega de “Naqueles Tempos”, que lembrará personaxes como o filósofo Agustín García Calvo ou o recentemente falecido Príncipe Galín e tamén episodios como a protesta dos nudistas en Baroña e o movemento estudantil contra os prezos dos alugueiros da vivenda en Santiago.

O célebre episodio coñecido por “…Y Fraga sacó la chaqueta”, acontecido en Lugo e que tivo de protagonista o entón acabado de nomear presidente de Alianza Popular, Manuel Fraga, tamén será obxecto de atención no programa desta noite.

O espazo da TVG contará tamén coa colaboración de Xoán M. Mao, Pedro Arias, Miguel Cancio, Emilio Rojo, Alfredo Sánchez Carro, Xosé M. González, Luís Rivero de Aguilar, Alfonso Sola, Chís Oliveira, Rita de Sáa, Gonzalo García Pelayo, Manolo Moldes, José de Cora, Miguel A. Murado, Ánxel Vence, Fernando Bellas, Margarita Ledo, Kukas, Suso de Toro e Eusebio Ónega.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar