Abrir a porta galega

«Pola porta aberta por Cataluña e ensanchada polo País Vasco, caberá a autonomía de Galicia», falou Castelao naqueles días da República. Falou e falou ben.

Pecharan a porta e volveuse abrir o 29 de setembro de 1977, cando un real decreto restaura a Generalitat, o 4 de xaneiro de 1978 institúese o Consello Xeral do País Vasco, o 16 de xaneiro a Xunta de Galicia, pois o ministro Otero Novas decide adiantarse un día, para que non coincida coas preautonomías de Aragón, Canarias e o País Valenciano.

E aprobaron a Constitución que non xeneralizou a organización autonómica, pero, no ano 1980, a raíz do contencioso que o PSOE entaboa sobre Andalucía, UCD e PSOE pactan a «xeneralización, uniformación e aceleración do proceso autonómico» que acabaría no «uniformismo racionalista», coloquialmente «café para todos».

Logo do 9 de novembro do ano 2015, coa declaración do Parlament catalán, xa nada volverá a ser como antes. Ábranse dous camiños: o do recoñecemento do dereito a decidir que lle permitiría a Catalunya convocar un referendo, ou a reforma constitucional que volvería á autonomía asimétrica ou federalismo asimétrico.

Sexa cal sexa a saída, é moi posíbel que, dada a correlación de forzas nas novas Cortes logo do 20-D, lle atranquen a porta a Galiza. Non só as principais forzas estatais, senón tamén PNV e CDC e, aínda, Bildu e ERC, teiman en ignorar os dereitos históricos de Galiza e o seu recoñecemento como nacionalidade, á par que Catalunya e máis Euskadi, como poñen de manifesto as súas intervencións.

Galiza estórballes a uns e a outros no novo mapa estatal como ente diferenciado. Xa que logo, todo o que consiga nas negociacións na nova lexislatura vai ter que ser polo esforzo dos seus cidadáns e dos representantes das súas forzas políticas.

Así que os resultados no 20-D van determinar, en grande parte, o seu futuro, se queda relegada ou non no novo mapa federal. Dependerá do apoio que reciban as súas candidaturas propias, pero tamén do compromiso que as forzas estatais acaden cos cidadáns galegos.

Polo tanto, desde os candidatos do PPdeG ao PSdeG, pasando polos de Cidadáns, Izquierda Unida e Podemos, deberían responder a unha pregunta básica: están dispostos a defender na nova Constitución que Galiza terá o mesmo status que Catalunya e máis Euskadi?

Para os galegos, aínda que non sexan galeguistas, este é o cerne dos debates e pactos constitucionais. Moito máis que quen goberne. Porque os gobernos duran, como máximo, catro anos, e se Galiza perde a súa singularidade vai ser moi difícil que a recupere en moito tempo.

Galiza, se quer ter casa propia, vai ter que abrir a súa porta.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar