Proxecto de xestión integral de resíduos na Raia

 Baltar_Roberto García UUAa

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe a visita do secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, quen lle presentou un importante proxecto medioambiental europeo que se vai levar a cabo na Raia, entre a provincia de Ourense e Portugal, e que ten como obxectivo mellorar a xestión integral dos residuos desta ampla contorna. O presidente do goberno provincial confirmoulle a Roberto García «a máxima colaboración por parte da Deputación de Ourense para cooperar e avalar esta destacada iniciativa medioambiental europea que beneficiará aos concellos arraianos da provincia de Ourense e aos seus homólogos de Portugal, e por extensión contribuirá á mellora do medio ambiente nunha ampla zona da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal».

Pola súa banda, Roberto García agradeceu a Manuel Baltar que a Deputación de Ourense achegue a súa cooperación neste proxecto, denominado VAREGA, que ten como obxectivo a construción de dúas plantas, unha de compostaxe e outra de depuración natural, para mellorar a xestión dos residuos orgánicos xerados nas explotacións gandeiras intensivas.

Os concellos que se beneficiarán desta actuación son, por parte da provincia de Ourense: Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, e por parte de Portugal: Arcos de Valdevez, Melgaço, Montealegre, Ponte da Barca e Terras do Bouro, todos eles incluídos na reserva da biosfera «Peneda-Geres-Baixa Limia-Serra do Xurés».

Os socios colaboradores do proxecto, enmarcado no Programa Poctep de cooperación transfronteiriza España-Portugal, son por parte de España: Unións Agrarias-UPA, e a Facultade de Ciencias de Ourense (Universidade de Vigo) por medio do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Área de Edafoloxía e Química Agrícola, mentres que por Portugal os socios son a Universidade de Tras os Montes e a Confederación de Agricultores de Portugal (CAP).

Plan de traballo

O plan de traballo do proxecto inclúe, ademais da construción das dúas plantas de compostaxe e depuración natural, a construción dun sistema de humidais superficiais e a creación dun «banco virtual» de residuos gandeiros e compost, que permitirá aos produtores dar de alta seus residuos, e aos potenciais compradores coñecer os tipos de residuos e compost dispoñibles. Para potenciar esta rede virtual poñeranse en funcionamento Puntos de Información e Xestión en todos os municipios implicados no proxecto, que incluirán Puntos Verdes e Zonas de Almacenamento de Restos Vexetais.

O proxecto contempla tamén elaborar un Plan de Xestión de Residuos, que inclúe a recollida dos mesmos e o seu tratamento e elaboración de compost.

A orixe deste proxecto europeo nace da idea de mellorar a xestión dos residuos e de conseguir un produto final cunhas propiedades fertilizantes equilibradas e de alto valor engadido, para a súa posterior comercialización, procedentes da compostaxe de gallinácea e xurros de porcino, así como de restos de podas, limpezas de montes e de residuos orgánicos derivados das industrias agroalimentarias.

O plan financeiro do proxecto baséase en tres vías de ingreso: venta de compost; taxas aos produtores en función das cantidades xestionadas, e subvencións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar