Novo libro sobre Vicente Risco

Baltar_presentación libro Vicente Risco

Na sala de prensa do Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense tivo lugar a presentación do libro Vicente Risco, mestre de mestres, obra do doutor en Pedagoxía Xosé Fernández. O acto contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do autor do libro; do responsable da sección de Educación da Fundación Vicente Risco, Xosé Cid; e do presidente da Fundación, Luís Martínez Risco. No mesmo acto presentouse tamén un avance das «Xornadas Pedagóxicas» 2016, que se celebrarán o ano próximo na Deputación de Ourense, «nas que se conmemorará o centenario do ingreso de Vicente Risco na Escola Normal de Maxisterio de Ourense e analizaranse aspectos das Irmandades da Fala e da renovación pedagóxica», segundo apuntou Luis Martínez Risco.

Manuel Baltar afirmou que Vicente Risco, «é un nome con letras de ouro e un personaxe senlleiro da nosa cultura, como tamén outros membros da súa familia que fixeron e están a facer de Ourense un referente para falar de pensamento político e de cultura con maiúsculas», e destacou a frase coa que comeza a publicación: «A galeguización da escola inda a custar traballo cando Galiza sexa autónoma», escrita por Vicente Risco en «El Pueblo Gallego» en 1931″.

Pola súa banda, Xosé Cid subliñou o importante traballo que Vicente Risco fixo pola pedagoxía, afirmando que formou mestres «coñecendo a súa historia e o seu territorio» e que se Ourense ten fama de formar bos mestres «iso ten moito que ver coa pegada deixada por Vicente Risco coa súa pedagoxía de alto nivel».

O AUTOR

Finalmente o autor, Xosé Fernández, explicou que a obra «analiza a figura de Vicente Risco dende a súa perspectiva como mestre, profesión na que ingresou en 1916 e se xubilou en 1954». «Pero a súa vida transcendeu e foi máis aló do profesorado, e temos importantes exemplos diso, como que foi fundador da revista Nós, a importante achega que supuxo o seu plan pedagóxico; abriu plataformas de comunicación como a sección «Artes e letras» no xornal La Región, e mesmo participou no que poderíamos definir como obradoiros de café, entre os que destaca o afamado «Volter». Unha labor de sementeira pedagóxica que, sen dúbidas, foi máis aló da aulas», afirmou Xosé Fernández.

A obra estrutúrase en sete capítulos ao longo de máis de 500 páxinas, nos que se fai unha pormenorizada análise da vida e do labor docente de Vicente Risco, explicando as etapas da súa crianza, escolarización, os anos de instituto e a época universitaria, como as cuestións relacionadas co Risco e a lingua, a literatura popular, o Risco no Seminario de Estudos Galegos e finalmente o Vicente Risco como formador de mestres.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar