O 13 de decembro ábrese a Porta Santa da Catedral de Santiago

Porta Santa Catedral de Santiago

O Arcebispado de Santiago confirmou esta mañá a apertura da Porta Santa o próximo 13 de decembro, domingo. O arcebispo responde deste xeito ó inicio do Ano da Misericordia promovido polo papa Francisco, e que empezará no orbe católico o 8 de decembro, día da Inmaculada.
A nova acaba de ser difundida mediante unha carta pastoral do arcebispo, monseñor Julián Barrio, na que chama a toda a arquidiocese compostelá a peregrinar e acoller así “a indulxencia plenaria xubilar”.

Será esta a segunda vez que se abre a porta da Quintana fóra de ano santo. A anterior ocasión foi en 1938, cando se prorrogou o de 1937 para pedi-la intercesión do Apóstolo para a fin da guerra civil.
A Porta Santa abrirase solemnemente o domingo 13 de decembro de forma extraordinaria co gallo da celebración do Ano Xubilar da Misericordia, convocado con carácter universal.

Segundo fontes do Arcebispado de Santiago, o xubileo  extraordinario instituído polo sumo pontífice celebrarase coa apertura da Porta Santa unha semana despois de que o propio Papa faga o mesmo coa Porta Santa da basílica de San Pedro.

O acto será máis sobrio có dos anos santos habituais e celebrarase desde o interior do templo e non desde o exterior como é habitual cada ano santo regular. Deste xeito os fieis que cumpran unha serie de requisitos poderán obte-la indulxencia plenaria, é dicir, o perdón de tódolos pecados que cometesen.Porta Santa Catedral de Santiago_interior

A decisión arcebispal altera o esquema habitual de celebración marcado pola coincidencia de que cada día 25 de xullo, festividade do martirio de Santiago o maior en Xerusalén, cae en domingo, o que acontece segundo a secuencia de 6-5-6 e 11 anos, polo que o seguinte será no ano 2021 e o anterior foi no 2010.
A nova está sendo moi ben acollida na cidade, sobre todo no sector turístico e comercial, xa que suporá unha promoción aínda maior de Santiago.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar