Dous gardas civís, acusados de extorsionar á dona dun club de alterne

   Dous gardas civís acusados de extorsionar á dona dun club de alterne en Carballo  coincidiron en sinalar que o que querían era chegar a unha solución «amigable» coa muller para recuperar os 1.300 euros cobrados indebidamente tras acudir un deles ao club xunto a outros dous amigos.

«Quería evitar calquera tipo de denuncia pública», declarou o primeiro acusado, cabo en Ponteceso, e ao que a muller lle cobraría «de máis» polos servizos. Ante o sucedido, este home pediu consello a un sarxento da Garda Civil de Carballo, responsable da Judicial, para poder contactar coa dona do club e chegar a un «acordo amigable».

O fiscal solicita para un catro anos de prisión e para outro tres polas manobras realizadas para que a muller devolvese ao axente que prestaba os seus servizos en Ponteceso o diñeiro que el e os seus amigos gastaran no club. Segundo o escrito de cualificación fiscal, o axente de Carballo chegou a citar a muller no propio cuartel para conseguir que lle devolvese o diñeiro.

O primeiro acusado, que o 15 de marzo de 2012 acudiu xunto a dous amigos a este club, explicou que tras a noite que pasaron en compañía de varias mulleres o cargaron na súa conta 1.300 euros «de máis». «Gastara 700 euros e quitáranme 1.980», asegura este home quen, ante o acontecido, se limitou a «recuperar» o seu diñeiro.

Precisamente, con esa intención, o acusado púxose en contacto co segundo procesado, a quen coñecía ao traballar co seu pai, para comentarlle o problema e pedirlle contactar coa dona do club para chegar a un «acordo amigable» e evitar calquera tipo de denuncia pública.

INTERMEDIARIO

«Non presentei denuncia porque xa prefería perder o diñeiro a que se fixese público o acontecido» dixo o home que, seguindo as recomendacións do segundo acusado, se puxo en contacto coa dona do club para reclamarlle o diñeiro que lle cobrara «de máis». Segundo declarou, tras quedar con ela logrou recuperar 900 euros en dous pagamentos, pero despois xa non o volveu pagar.

Pola súa parte o segundo acusado, que intercedeu para chegar a unha solución amigable coa muller, declarou que el se limitou a citar a dona do club para explicarlle o acontecido. «Eu chamei á dona do club e díxenlle que se pasase polo cuartel para comentarlle o problema», dixo o procesado, que sinala que a muller lle recoñeceu que podería haber un erro no cobramento e mesmo accedeu a devolver o diñeiro.

«MEDO» A REPRESALIAS

Na sesión tamén declarou a dona do club, que indicou que se comprometeu a devolver o diñeiro por medo a represalias. «Eu di a miña palabra de que lle ía devolver o diñeiro a pouco, porque non tiña dispoñibilidade», afirmou esta muller, que descoñece quen puido denunciar os feitos que sentan no banco dos acusados a estes dous homes.

«Tiña medo pero non denunciei. Quería pagar e rematar con todo», dixo a muller que, por medo a un maior control sobre o seu negocio, acordou facer a entrega do diñeiro en diferentes pagamentos.

Pola Audiencia da Coruña tamén pasaron dous axentes de Asuntos Internos da Garda Civil que aseguraron que na súa investigación non apreciaron delito por parte do sarxento, quen só sería intermediario.

O Ministerio público pide para os acusados penas entre os tres e catro anos de prisión e inhabilitación para exercer como axente. O xuízo continuará este mércores.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar