O vicepresidente, Rueda, defende no Parlamento o proxecto de Lei de Transparencia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda comparecer‡ na C‡mara galega para presentar o Proxecto de Lei de transparencia e bo goberno.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou no Parlamento o proxecto da Lei de Transparencia e Bo Goberno, que sitúa á Xunta á cabeza de tódalas Administracións no que respecta á transparencia e ao libre acceso dos cidadáns á información.

Na súa comparecencia parlamentaria, Alfonso Rueda lembrou que esta normativa era unha das principais propostas incluídas no Programa de Impulso Democrático da Xunta, un programa composto por cinco leis e 50 medidas comprometido no Parlamento polo presidente da Xunta, a principios de ano para reforzar a transparencia, a prevención da corrupción e a mellora da participación política.

Esta nova lexislación sobre transparencia e bo goberno supón un auténtico paso adiante na materia: indo máis alá da lei que ata agora estaba en vigor en Galicia e sendo tamén máis ambiciosa que a lei básica estatal, garantido dereitos, información á cidadanía dun goberno fiscalizado e limitado. Así mesmo, esta lei facilitará aos cidadáns galegos máis información da que dispoñían ata agora e máis información da que obriga a publicar a nivel nacional, e faise por tres razóns fundamentais: para dar máis información accesible aos galegos, para garantir o máximo control posible sobre o réxime de incompatibilidades e para cumprir o compromiso de establecer unha completa regulación sobre o traspaso de poderes e a labor dos Gobernos en funcións.

O titular da Vicepresidencia incidiu que esta lei está asentada en catro eixos de actuación que son a publicidade activa, dereito ao acceso, incompatibilidades e transición entre gobernos.

 

PUBLICIDADE ACTIVA

No eido da publicidade activa, este proxecto de Lei supón un avance respecto á Lei do ano 2006 que detallaba unha serie de obrigas de publicación de información en internet. Aumentase a información a disposición permanente da cidadanía, que xa leva facendo dende algún tempo tal coma amosa Transparencia Internacional, a organización que avalía esta materia en España.

Ca nova Lei auméntase a transparencia da administración paralela xa que obrigase a ter publicado na web todas as retribucións do seu persoal directivo e os seus contratos-programa e plans de actuación; aumentase a transparencia da actividade lexislativa, para acadar un ordenamento xurídico máis homoxéneo, e comprensible para a cidadanía. Ademais, publicarase no Portal de Transparencia a información sobre os efectivos de persoal público; os acordos reguladores das condicións de traballo e os convenios colectivos; as ofertas públicas de emprego e os procesos de selección do persoal e o número e custo dos liberados sindicais.

Na mesma liña, auméntase a transparencia na actividade contractual da Xunta. Despois da posta en marcha da Plataforma de Contratos de Galicia e da mellora da negociación efectiva dos procedementos negociados, esta nova lei obriga a publicar tamén a composición das mesas de contratación ou as formalizacións dos contratos. E no eido do urbanismo, no Portal de Transparencia estará a disposición da cidadanía todos os Plans Xerais de Ordenación Municipal e as súas modificacións e revisións. En total, foron incluídos máis de 50 elementos a maiores dos que viñan obrigados pola lei básica ou pola lei galega previa.

 

DEREITO DE ACCESO

Neste eido, o vicepresidente da Xunta destacou o salto cualitativo respecto á lexislación anterior na regulación do dereito de acceso á información pública, que ten coma premisa fundamental considerar que a información pública é propiedade da cidadanía e non do goberno, e que incorpora varias das recomendacións que sinalan as organizacións internacionais de defensa da transparencia, coma o dereito da cidadanía, a que o persoal público a oriente e a asesore para o exercicio deste dereito, a asignación a un órgano de independencia probada, como é o Valedor do Pobo, da facultade de supervisar o cumprimento desta lei e da función de resolver as reclamacións da cidadanía sobre información denegada; e a previsión de sancións para os responsables públicos que vulneren este dereito.
No relativo ao control público sobre o réxime de incompatibilidades existente en Galicia, esta nova lei amplíao, estendendo a todos os altos cargos, e non só aos membros do goberno, a obriga de publicar, tanto no momento do seu nomeamento como no momento do seu cesamento, a súa situación patrimonial.

Será obrigatorio incluír na declaración pública de actividades as desempeñadas nos dous anos previos e as participacións empresariais das que houbera que desprenderse para exercer como alto cargo. E será tamén obrigatorio facer pública unha declaración patrimonial no momento do nomeamento. E será tamén obrigatorio unha segunda declaración patrimonial no momento do cese, que revele as variacións producidas.

Pero ademais dese control interno e externo nos momentos de entrada e saída tamén se estrema o control do alto cargo durante o seu exercicio, xa que obrígaselle á abstención en todo asunto que involucre a unha empresa na que el ou o seu cónxuxe estiveran vinculados nos dous anos previos á toma de posesión, esíxeselle a adhesión ao Código Ético Institucional, cuxa existencia se blinda con rango legal e que, limita ao máximo os obsequios que estas persoas poden recibir de particulares.
Do mesmo xeito que establece sancións moi duras, tanto na inhabilitación como no económico, para aquelas persoas que vulneren as obrigas de incompatibilidade e conflito de intereses que se recollen na lei.

 

TRANSICIÓN ENTRE GOBERNOS

Por último, Rueda resaltou en sede parlamentaria que entre as normas de bo goberno, recóllese a regulación dos gobernos en funcións e dos traspasos de poderes, unha lagoa normativa que era necesario resolver e cuxa resolución era un compromiso electoral, e que o goberno actual da Xunta será o primeiro da historia da autonomía en ver limitadas as súas actuacións no período en funcións.

No ano que vén, unha vez se disolva a Cámara, este goberno non poderá comprometer a asinar convenios, nin convocar prazas públicas nin adquirir compromisos extraordinarios de gasto. Polo que o seguinte goberno, sexa deste partido ou doutro, será tamén o primeiro da historia de Galicia que reciba un informe de xestión no que se lle detallen a situación económica, a situación de persoal e todas as obrigas ás que está suxeito polos convenios ou contratos vixentes.

Na mesma liña, a nova Lei establece tamén o que debe facerse para facilitar o proceso de traspaso de poderes, como que cada consellería elabore un informe de xestión no que se detalle a execución orzamentaria, os compromisos de gasto asumidos, as obrigas pendentes de pago ou os contratos e convenios vixentes.

Ditos informes de cada departamento serán agrupados nun único documento e serán transmitidos do presidente saínte ao presidente entrante, garantindo polo tanto a debida información para que o novo goberno poida comezar a tomar decisións dende o primeiro minuto.

Por tanto, como sinalou Rueda, preséntase unha lei que vai permitir ofrecer aos galegos un mellor acceso á información pública e moitos máis datos dos que se estaba obrigado a dar ata agora; que os cidadáns saiban de onde veñen os cargos públicos, cal é o seu patrimonio cando chegan ao cargo e cando o abandonan e a onde van cando deixan as súas funcións; e restrinxir a capacidade dos Gobernos en funcións e establecer o que deben facer nos traspasos de poderes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar