Rematou a farsa

 

«Non vai haber unha candidatura unitaria en Galiza». Díxomo así de contundente antes do 25 de Xullo, cando comezaron os trasleos para lograr unha manifestación única o Día da Patria. Sabía do que falaba, era un dos que asistiu ás conversas que se viñan mantendo entre IU, Podemos e Anova en Madrid. E deume dúas boas razóns: «Hoxe o Bloque resta máis que suma nunha candidatura e, ademais, temos dous proxectos distintos e incompatíbeis que se van xogar a supremacía da oposición en Galicia».

Os acordos das formacións españolas con Anova non eran unicamente pensando nas eleccións xerais, senón tamén nas autonómicas. Conformábase, pouco a pouco, un novo proxecto político, aínda diferente do que se anunciou cando se presentou AGE por vez primeira («coalición táctica»). E agora aparecía outro actor, Podemos, que non se debe de alcumar como novo, senón que xa estaba presente daquelas, aínda que dentro de IU (o propio Iglesias participou activamente na campaña de AGE).

Tampouco as Mareas, aínda que dispares, foron algo ex-novo, senón a adaptación ás novas circunstancias dunha AGE en perpetua convulsión. E foron as cúpulas dos partidos que integraban AGE as que, con novos pactos, as puxeron a andar.

Creouse así unha «épica» da unidade, converténdoa no grande valor electoral e na arela de moitos militantes e cidadáns cansos e desilusionados coa actual conxuntura política. Pero tamén no enganche dalgúns militantes descolocados que se negan a desaparecer do escenario aínda que teñan que mudar completamente o discurso dos seus personaxes.

E todos estes meses foi unha guerra partidaria para quedar co marchamo de unitarios e proxectar a imaxe do contrario como excluínte, mentres centos de cidadáns seguían confundindo as arelas coa realidade e pulaban por esa unidade necesaria, pero imposíbel, mesmo fiando todo a que Xosé Manuel Beiras mudase de parecer e volvese á ortodoxia nacionalista.

As forzas estatais pensaban que terían fácil apropiarse da esencia unitarista: o Bloque nunca aceptaría unha candidatura con eles. Pero equivocáronse e o BNG non situou aí o listón, senón no grupo propio e non dependente.

Foi así como se visualizaron as contradicións. Desde Anova comezaron a falar de dous proxectos distintos e de que non se volvería a antes de Amio (á unidade do nacionalismo), e desde EU, de «facer desaparecer ao BNG».

Si, asistimos á puxa entre o nacionalismo e o españolismo da transición. Agora, entre un proxecto de «emancipación nacional» e un de «cambio estatal». E Galiza xógase estar ou non presente, con voz propia, no novo pacto constitucional.

Cando non haxa remedio, volverán os choros da «aldraxe».

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar