A reciclaxe de máis de 25 toneladas de tapóns pagará o comedor de 13 cativos

Alcaldesa de Lugo Lara Méndez

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente da Deputación, Darío Campos, a presidenta da Fundación Puro Cora, Blanca García, a secretaria do colexio de farmacéuticos de Lugo, Guadalupe Penzol; a psicóloga da Asociación Española Contra o Cancro, Rosa Zas, unha socia de Prelo, Esther González; a xerente de Recikla2, Marta Arias; e os responsables da organización de selección do Banco de Tapóns de Lugo, Teresa Sanjuan, Amparo Revaldería e Consuelo Varela, fixeron entrega na sede do grupo El Progreso, de dous novos talóns por valor de 2.121 euros e 3.000 euros ás ANPAS do CEIP Anexa e do CIFP das Mercedes, respectivamente.

O importe recadado nesta ocasión, 5.121 euros conseguidos grazas á reciclaxe do plástico das máis de 25,6 toneladas de tapóns, foron entregados a Cristina Alonso e Martín Fernández, representantes de ambos colectivos de nais e pais, co fin de sufragar os gastos do comedor escolar de 13 cativos e cativas destes centros educativos que se atopan en dificultades económicas.

O Concello colabora coa campaña Os tapóns dan vida e coidan o medio ambiente posta en marcha pola Fundación Puro Cora no ano 2012, pois “enmárcase na nosa aposta polo benestar social e por poñer freo ás desigualdades sociais”, tal e como subliñou Lara Méndez, quen lembrou que o Concello de Lugo é o primeiro municipio de Galicia e o cuarto de España que máis inviste en políticas sociais, un 20% do orzamento total.

“Unha vez máis móstrase o lado máis solidario dos lucenses”, subliñou Méndez, ao tempo que agradeceu o traballo que realizan tanto dende o Banco de Tapóns de Lugo como dende as diferentes entidades que o apoian para que os tapóns se convertan en recursos económicos para mellorar a calidade de vida dos lucenses “que o están a pasar mal nestes momentos de crise”.
“Esta iniciativa é boa mostra da colaboración das administracións públicas entre si, e destas con colectivos sociais e empresas privadas”, sentenciou a rexedora.

Os tapóns dan vida e coidan o medio ambiente nace co obxectivo de financiar diferentes iniciativas solidarias ao tempo que se contribúe á conservación do medio ambiente favorecendo a reciclaxe de plástico. Grazas a esta iniciativa recóllense tapóns de plástico por toda a provincia luguesa para posteriormente vendelos e recoller fondos, que se destinan a axudar ás familias máis necesitadas.

A través desta iniciativa xa se entregaron 12 talóns por un importe de máis de 22.000 euros, para os que se recolleron preto de 100 toneladas de tapóns de plástico, co obxectivo de financiar tratamentos, xantares no comedor escolar, material escolar ou medicamentos. Fíxose ademais unha campaña de recollida de xoguetes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar