Andar e pedalear

O informe elaborado por un grupo de científicos do Imperial College de Londres, liderado pola investigadora Audrey de Nazelle, especialista na incidencia do transporte na contaminación, especialmente na contaminación do aire, asegura que os beneficios sanitarios de ir en bicicleta ou andando son enormes. O informe recolle a análise dos datos obtidos en Barcelona, onde despois de 2007 se introduciu un sistema público para compartir bicicletas.

Os resultados mostran que a utilización da bicicleta, como medio de transporte, contribúe ao aumento da actividade física de quen a usa e minora a contaminación ambiental nos lugares por onde anda. En concreto, en Barcelona, polo uso da bicicleta, reducíronse considerablemente as emisións de dióxido de carbono e os especialistas aseguran que favorecendo o uso dese medio nas cidades poderíanse evitar unhas 10.000 mortes anuais nos países da Unión Europea.

Agora que estamos con tempos novos e que a cidadanía ten información e sabe que o coidado da natureza é tarefa común, débese pedirlles aos responsables municipais que fomenten a mobilidade das persoas en medios e de forma non contaminante. Ir en bicicleta ou andando é saúde para cadaquén e, xa que logo, para a colectividade, para a sociedade, que tanta necesidade ten de estar sa e protexida.

Nas cidades, nas vilas e en tódolos lugares de Galicia compre crear infraestruturas con carrís para que circulen, que vaian e volvan as bicicletas e os peóns, para que anden os que pagan moito e os que non teñen para pagar, para facer prevención, reducir o consumismo e abolir o dereito ao malgaste e ao deterioro do medio ambiente. Investir nestes conceptos é investir en saúde. Para que se asuma esta concepción, convén adaptarse a unha cultura de aprecio á alpargata, ao tenis e á zapatilla. Andar e pedalear.

Se hai que facer infraestrutura, carrís par unir unha vila con outra, cunha cidade próxima ou tódolos barrios entre si, andando e pedaleando, que se elabore o proxecto, que se expropie, se é necesario, e que se faga, que se gasten aí os cartos ben gastados. Que non sexan unicamente promesas. Que se faga! “Do dito ao feito”, dicía a Tía Manuela. E, efectivamente, os cidadáns gustan dos político cando din ben, pero só lle lo agradecen cando o fan. Para os que o entendan así, parabéns!.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar