A CRTVG presenta o seu primeiro orzamento como corporación

crtvg.es

A CRTVG presentou o seu primeiro orzamento para 2016 baixo a figura de Corporación, por un importe total de 102,2 millóns de euros e no que as achegas da Comunidade Autónoma se sitúan en 92,5 millóns de euros, segundo indicou Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral do ente público galego, no Parlamento de Galicia. Na súa comparecencia, Izquierdo salientou que a transformación da Compañía en Corporación, que entrará en vigor o 1 de xaneiro próximo, permitirá que as tres antigas organizacións que viñan convivindo na CRTVG (a Compañía e as sociedades anónimas de televisión e radio) dean lugar á única Corporación “máis lixeira, flexible e dinámica que presta máis e mellores servizos cun menor custo”.

Na Comisión parlamentaria de Orzamentos, o director xeral explicou que coa nova Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) se implanta desde o 1 de xaneiro un modelo organizativo “cunha visión integral e estratéxica” e no que se producirá “un aumento da coordinación entre as áreas operativas” para acadar “un servizo público da máxima calidade” a cargo dunha entidade que estará “en condicións de competir no mercado audiovisual”. A nacente estrutura máis simplificada fará posible, dixo Sánchez Izquierdo, “unha utilización máis eficiente dos recursos” así como “integrar e optimizar a xestión dos medios e renovar as estruturas tecnolóxicas”.

Sánchez Izquierdo explicou que a achega da Comunidade supón o 90,4% dos recursos totais e os ingresos publicitarios, o 8,1%. Entre as partidas máis importantes salientou que as compras de produción propia externa, que crecen ata os 23,3 millóns de euros, mentres que as compras de produción allea se sitúan en 1,7 millóns, a mesma contía que o ano anterior, e os dereitos de retransmisións deportivas sitúanse en 1,6 millóns, as dobraxes e subtitulacións 1,5 millóns e as producións de interese estratéxico e coproducións sumarán 1,3 millóns de euros.

 

MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA

 

O proxecto para 2016, dixo, permitirá ademais iniciar unha completa modernización tecnolóxica nos sistemas de produción da Televisión de Galicia, que terá arredor dun ano de execución e que leva aparellados investimentos por 14 millóns de euros repartidos entre cinco anualidades.

No apartado de gastos de persoal, a previsión redúcese nun 0,4%, pasando aos 47,9 millóns de euros, “nunha contorna de contención salarial, de optimización dos recursos dispoñibles e mesmo de diminución das provisións laborais, motivada polo efecto da redución significativa da problemática laboral”. Descontando esas provisións, as remuneracións do persoal laboral ascenden a 34,9 millóns, o 1,0% máis ca 2015.

Para 2016, engadiu Sánchez Izquierdo, está previsto contratarlle directamente ao sector audiovisual galego por un importe aproximado de 31,4 millóns de euros, un 31,4% do orzamento de explotación da Corporación, o cal indica que se manteñen os niveis de actividade. O orzamento de 2016 pon de manifesto un ano máis, segundo o director xeral da CRTVG, que “máis do 90% do orzamento da Corporación reverte directamente nos traballadores/as e na industria audiovisual galega”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar