Cata semanal como recoñecemento aos viños do Ribeiro

Deputación Ourense_Francisco gonzález_presentación degustacións viños do Ribeiro

Irmanar viño do Ribeiro e cultura é o obxectivo do ciclo “Cata el arte” que foi presentado no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e que se desenvolverá neste espazo expositivo todos os xoves entre o 5 de novembro e o 10 de decembro, incluíndo degustación de viños de cinco adegas e actividades culturais e musicais. Este evento, que conta co apoio da Deputación de Ourense, pretende, segundo explicou o presidente do CRDO Ribeiro, Miguel Ángel Viso, “promocionar os viños do Ribeiro e xuntar a experiencia dun consumo moderado con actividades musicais, teatrais, de maxia e performance, todo elo no entorno do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.

Xunto con Miguel Ángel Viso participaron na presentación do evento o director do Centro Cultural, Francisco González; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; a directora de zona e coordinadora de Relacións Institucionais en Abanca, María José López Rubal, e o asesor de Cultural da Deputación, Aurelio Gómez Villar.

 

 VIÑOS E ARTE

 

Francisco González destacou o éxito que tivo a primeira edición das catas e lembrou que todas as actividades culturais parelelas “corren a cargo de artistas ourensáns. Viño e cultura, irmanados co distintivo da calidade”. Manuel Doval subliñou a importancia “que ten para Ourense o sector do viño, provincia que é única no ámbito vitivinícola que contar con catro denominacións de orixe, coas cales a Deputación de Ourense está a colaborar”, e María José López Rubal amosou a satisfacción que para Abanca supón colaborar con esta iniciativa, “porque é apoiar a un sector estratéxico da economía ourensá, como é o sector vitivinícola, nesta orixinal e novidosa proposta que supón unilo á cultura”.

As catas comezan mañá, 5 de novembro, e continuarán todos os xoves ata o 10 de decembro. Na xornada de mañá Adega Pousadoiro realizará unha dobre cata vertical dos viños Pousadoiro e Norte y Sur, acompañada da poesía do escritor Carlos Abeledo Maristany, do seu libro Lindos Abrollos. O vindeiro 12 de novembro terá lugar a cata de Bodegas Nairoa, que presentará os viños Alberte e Val de Nairoa coa maxia, ilusión e humor do Mago Deimi. O 19 de novembro será o momento da realización da cata musical de Ribeiros da man do director técnico do CRDO Ribeiro, Pablo Vidal, en compañía do dúo de guitarra e violín Ad Heyra Liti, e o último xoves de novembro, o 26, celebrarase a cata da Bodegas Cunqueiro cos seus viños Cuqueira, Máis de Cunqueiro e Cunqueiro III Milenium, coa representación da obra de microteatro Blanco y en Botella!, da man de Martín Vázquez e Jorge Gallardo.

O primeiro xoves de decembro será o intre de Bodega Alanís que presentará o seu viño Gran Alanís acompañado da danza contemporánea da Compañía TasPediante – D-OU-TRAS (Aula Danza universitaria de Ourense). E para rematar esta segunda edición, o broche final poñerao Adega Ramón do Casar coa cata vertical do seu viño plurivarietal Ramón do Casar en harmonía coa performance teatral Nexos de Baula Escena.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar